O Psdeg-Psoe de Viana preguntaralle ao goberno municipal baixo que paraugas xurídico se asinou o convenio co bispado sobre o solar onde se ubicará o centro de día

Os socialistas queren que o rexedor responda se se tratará dunha doazón ou dunha cesión despois da nova difundida dende o grupo de goberno sobre a consecución do solar para a construción

Afirman que recibiron con “moita ledicia” a confirmación de que a moción presentada polos socialistas no mes de marzo, para a creación dun centro de día, “sexa hoxe unha realidade e vexa a luz”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo aproveitará o pleno deste venres para preguntarlle ao grupo de goberno municipal baixo que paraugas xurídico se asinou o convenio para que o bispado de Astorga puxese a disposición do Concello un solar para a construción do centro de día. Os socialistas queren que o rexedor responda se se tratará dunha doazón ou dunha cesión despois da nova difundida dende o grupo de goberno sobre a consecución do solar para a construción do devandito centro de día.

Dende o Grupo Municipal Socialista esixen que o rexedor aclare publicamente cales foron os termos do convenio asinado entre o bispado e o Concello. Explican que no caso de tratarse dunha cesión, “acostuma a ter un prazo determinado no tempo, que tamén pode ser indefinido”, pero alertan que “sexa o prazo que sexa, a propiedade pode ser revertida de novo ao bispado e unha vez feito o centro de día, se a propiedade retorna ao seu propietario, a edificación tamén lle pertencerá ao mesmo”.

Os socialistas explican que no caso de tratarse dunha doazón, termo que segundo apuntan “non vimos en ningures na nota difundida polo Concello”, a situación sería “diferente”. Dende o PSOE vianés pídenlle ao goberno municipal, que no caso de ser unha doazón, “aclare a maneira na que se asinou o convenio, se con leva algún tipo de contrapartida, cales son e en que obrigas ten o Concello ao aceptar dita doazón do solar”.

O PSdeG-PSOE de Viana afirma que recibiu con “moita ledicia” a confirmación de que a iniciativa reflexada na moción presentada polos socialistas no mes de marzo, para a creación dun centro de día, “sexa hoxe unha realidade e vexa a luz”. Os socialistas apuntan a que se confirmou que a información facilitada a veciñanza polo grupo municipal socialista, sobre o solar posto a disposición do Concello por parte do bispado de Astorga para dita construción, era “veraz e realista”.

Os socialistas tamén piden que se “axilicen” os trámites para comezar as obras a “maior brevidade posible”, tras confirmarse que se produciu a sinatura do convenio entre ambas partes.