A Deputación consegue do Adif o compromiso para a reparación de 16 quilómetros de vías provinciais afectadas polas obras do AVE

As obras realizaranse en varios tramos de catro estradas O arranxo das estradas, incluíndo fundamentalmente “a renovación da capa de rodadura e a regularización e reforzo do firme, moi afectados polo constante paso de camións e maquinaria de gran tonelaxe”, explicou o deputado de Cooperación Pablo Pérez.  

A Deputación de Ourense vén de conseguir o compromiso do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, Adif, para que proceda á reparación de 16 quilómetros de estradas provinciais afectadas polas obras de construción da plataforma da alta velocidade. O pasado xoves, o Adif presentou na Deputación as correspondentes solicitudes de autorización para o arranxo de varios tramos en catro vías de titularidade provincial, “no que constitúe un primeiro lote de actuacións, pois non se recollen todas as intervencións reclamadas para as estradas que sufriron danos, aínda que si temos o compromiso do administrador ferroviario de que así o farán”, declarou o deputado de Cooperación, Pablo Pérez. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O deputado destacou que as solicitudes de autorización para obras de conservación e reposición das estradas “responden exactamente ao que se lle pediu a finais de 2020 ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, fundamentalmente a renovación da capa de rodadura e a regularización e reforzo do firme, moi afectados polo constante paso de camións e maquinaria de gran tonelaxe”. 

En concreto, as actuacións agora previstas executaranse na estrada provincial OU-1117 (Xinzo de Limia-Vilar de Barrio) nun tramo de quilómetro e medio; tamén ao longo de dous quilómetros na OU-1102, que antigamente comunicaba os citados concellos; a OU-1103, entre Vilar de Barrio e Arnuide, nun treito de case 4,5 quilómetros; e na OU-0109 entre Baños de Molgas e Arnuide, o tramo máis extenso no que se realizarán obras con 8 quilómetros. Na maior parte dos casos as reparacións inclúen o ancho completo da vía e, ademais da reposición ou reforzo do firme, o pintado de marcas viarias reflectantes en zonas puntuais.