Para o BNG, a falta de previsión e protocolos compromete un servizo básico como é o dos bombeiros

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, denuncian a situación de precariedade e falta de organización nun dos servizos básicos do concello

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

 Vimos de coñecer nas últimas datas que un dos bombeiros do corpo do Concello de Ourense non está acudindo ao traballo por ser un contacto estreito dun positivo en COVID-19 tal e como lle comunicou o SERGAS. Este feito fixo que ata catro compañeiros do mesmo turno estén tamén illados ao ser contactos estreitos deste.

Para o BNG esta situación deixa á vista unha vez máis os problemas estructurais que existen no Corpo de Bombeiros do Concello de Ourense, onde, a improvisación e a falta de protocolos específicos, latran o servizo, situándoo nunha posición moi complexa de producírense máis casos.

Desde o BNG denuncian que ante a corentena que deben gardar ata un total de 7 bombeiros pertencentes ao mesmo turno, o que se pretende é cubrilos con persoal pertencente a outro, rompendo polo tanto os grupos burbulla cuxo obxectivo é precisamente tentar evitar o contacto e polo tanto os posibles contaxios entre turnos distintos.

Como ben afirman os nacionalistas, se misturamos persoal de diferentes turnos estamos a incrementar notablemente as posibilidades de contaxio, consecuencia do cal, os citados turnos quedarían aínda máis minguados de persoal.

O Grupo Municipal do BNG quere por de manifesto que estamos ante unha situación insostible e lonxana no tempo, concretamente desde hai sete meses, momento no cal se tería que ter establecido un protocolo claro e concreto, tendo en conta ademáis as particularidades dun servizo tan complexo como é o de Bombeiros.

É preciso establecer un protocolo minucioso xa que, como ben afirman desde o BNG, estanse pondo parches a un problema estructural. A falta de organización, de planificación, de protocolos e de medios tanto materiais como persoais, lastran, a ollos do BNG, un servizo básico no que non se poden escatimar nin esforzos nin recursos.

Por todo iso, anuncian os nacionalistas, continuarán nas vindeiras semanas traballando para tentar paliar a grave situación na que se atopa o Corpo de Bombeiros do Concello de Ourense e que por desgraza, súmase á situación na que se atopan a meirande parte dos servizos do Concello.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------