O Psdeg-Psoe de Punxín celebra que a “Escola Nova” pase a ser de titularidade municipal como esixían as socialistas

As concelleiras socialistas consideran que as presións da veciñanza e a labor da oposición no consistorio “foron clave” para que se tomase esta decisión

A voceira socialista acusa o grupo de goberno de “ausencia total de transparencia” e indica que a situación xerada entorno a Fundación Benigno Quiroga “é unha mostra máis da pésima xestión do goberno municipal”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Punxín celebra que a “Escola Nova” pase a ser de titularidade municipal. As socialistas, continuando na súa liña de coherencia e defensa dos intereses da veciñanza de Punxín, desistiu da interposición do recurso de reposición contra a resolución da extinción da Fundación Benigno Quiroga, unha vez tivo confirmación de que os bens da mesma pasarán a titularidade municipal.

Tal e como apuntan dende o Grupo Municipal Socialista, o procedemento “fíxose mal dende o principio”, e acusan o grupo de goberno municipal conformado por Partido Popular e Ciudadanos de “actuar de costas á veciñanza, con máis sombras que luces e sen dar ningún tipo de explicación nin os veciños e veciñas de Punxín, nin tampouco os grupos da oposición.

Para a voceira socialista, Lorena Peleteiro, esta situación é “unha mostra máis da pésima xestión do grupo de goberno municipal” e acúsaos de “ausencia total de transparencia na xestión directa do consistorio”. Así mesmo, indica Peleteiro, “unha vez temos a confirmación de que os bens da Fundación pasan a titularidade municipal, tal e como esiximos dende o principio, dende o Partido Socialista decidimos non presentar o recurso de reposición e seguir a traballar en novas propostas”.

Dende o Grupo Municipal Socialista afirman que “están a traballar” en dúas propostas que levarán ó próximo pleno da corporación e para as que esperan contar co “apoio unánime”. Unha das mocións trata sobre o cambio de nome do colexio municipal, que pedirán que pase a chamarse “CEIP Benigno Quiroga”, e a outra é a elaboración dunha ordenanza de uso do edificio da “Escola Nova”, para que o seu uso sexa exclusivamente público, evitando a posibilidade de cesión do mesmo para uso particular, tanto de persoas físicas como de entidades.