Psdeg-Psoe presenta unha iniciativa para que Ourense se adhira á rede de municipios fast-track co fin de mellorar a vida das persoas con vih e potenciar a prevención da sida

Reclaman tamén que o Concello asine a Declaración de París, co compromiso de mobilizar todos os recursos que sexan necesarios para construír e acelerar as estratexias en materia de VIH

Instan ao Concello a pór en marcha intervencións locais contando coa colaboración das entidades do terceiro sector que levan décadas traballando ao servizo das persoas que padecen a enfermidade

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 28 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE vén de presentar unha iniciativa que defenderá no vindeiro pleno de xaneiro para que o Concello de Ourense se adhira á rede global de municipios da estratexia Fast-Track Cities (cidades da resposta rápida), cuxo compromiso consiste en acelerar as respostas locais ao VIH, a tuberculose e as hepatites virais para alcanzar o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) para 2030.

“Decidimos lanzar esta iniciativa para que o concello de Ourense se adhira á rede global de municipios da estratexia Fast Track Cities como xa fixeron os Concello de Vigo e da Coruña”, abundou a concelleira Concha García, quen subliñou a importancia de traballar arreo para lograr o estigma cero e o cumprimento dos obxectivos 95-95-95 de ONUSIDA, consistentes en que o 95 % das persoas que viven coa enfermidade coñezan o seu estado serolóxico, que o 95 % dos que o coñecen sigan un tratamento e que o 95 % das persoas en tratamento teñan carga viral indetectable, ou o que é o mesmo, intransmisible.

“Debemos sumar dous obxectivos máis, como son que o 95 % das persoas que viven con VIH teñan unha alta calidade de vida e que haxa un 0 % de estigma, porque non lograremos ter unha xeración libre de VIH ata que a xeración anterior non se libere dese estigma”, sinalou a propoñente da moción.

Compromiso e colaboración co terceiro sector

No texto da iniciativa, as e os socialistas reclaman así mesmo que o Concello de Ourense asine o documento da Declaración de París, co compromiso de mobilizar os recursos necesarios para lograr unha mellor integración de saúde pública e desenvolvemento, construír e acelerar as estratexias en materia de VIH e usar a resposta á sida como catalizador para unha transformación social positiva.

Así as cousas, instan ao Concello a pór en marcha intervencións locais adaptadas que permitan facer fronte ás lagoas en materia de prevención, probas e tratamento relacionadas co VIH, contando coa colaboración e cooperación coas entidades do terceiro sector que levan décadas traballando ao servizo das necesidades das persoas que padecen a enfermidade.

“Agardamos que todos os grupos apoien esta moción e que adherirnos a esta rede e asinar á Declaración de París signifique mobilizar recursos, porque se non o facemos, non servirá de nada” destacou. “Polo tanto, agardamos o voto a favor desta moción pero tamén a necesaria posta a disposición de recursos públicos, porque marcarse obxectivos é importante pero cumprilos, aínda máis”, concluíu a socialista.