Gabriel Alén salienta os valores humanos do Camiño

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na presentación do ‘I Trail e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral’, que organiza a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e se desenvolverá o vindeiro 12 de setembro da cidade de Ourense.

O delegado territorial subliñou que esta proba, co patrocíneo da Xunta de case 18.000 euros, ao amparo do programa ‘O Teu Xacobeo’,  supón unha aposta dos valores de igualdade e inclusión, así como o impulso das rutas xacobeas da provincia de Ourense e do impacto positivo que teñen na súa contorna.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén manifestou que ‘O teu Xacobeo’,  busca a implicación de municipios, empresas e entidades sen ánimo de lucro nun Xacobeo participativo, descentralizado e cunha programación espallada por todo o territorio galego. “Un camiño no que van da man as distintas administracións, Deputación, Concello e Xunta para colaborar nunha actividade solidaria e integradora a prol dos afectados polo dano cerebral adquirido”, sentenciou.

O representante do Goberno galego puxo énfase en que “proxectos como este son o mellor modelo de difusión do Ano Santo, obxectivo principal do programa ‘O Teu Xacobeo’, que no total das 2 edicións promoveu máis de 400 propostas socioculturais en toda Galicia coa finalidade de facer desta celebración do Xacobeo 21-22 a máis ampla da súa historia”.

Trátase dunha celebración, segundo o delegado territorial, “máis viva e máis integradora fuxindo de grandes actos multitudinarios e poñendo énfase no Camiño e en toda a súa riqueza cultural e patrimonial, pero tamén nos valores humanos que comporta”.