O centro de saúde de Ribadavia terá en 2021 unha reforma integral

Ribadavia renovará o seu centro de saúde. O orzamento da Xunta de Galicia para 2021 contempla unha partida dotada con 350.000€ para acometer a obra de reforma do centro de saúde de Ribadavia. Deste xeito, plásmase sobre o documento orzamentario da Xunta o acordo alcanzado entre o alcalde de Ribadavia e o presidente da Xunta de Galicia na reunión que mantiveron o pasado 28 de setembro.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sinalou que “é unha moi boa noticia para Ribadavia que se recolla no orzamento da Xunta unha partida para a reforma do centro de saúde de Ribadavia xa que, deste xeito, poderase acometer unha actuación moi necesaria para dotar a Ribadavia dun centro de saúde renovado e adaptado as necesidades da veciñanza de Ribadavia.”

AVANTAR ACTIVIDADES

César Fernández destacou que “Estamos a falar dunha obra moi necesaria e dun investimento moi importante para o noso concello que permitirá satisfacer as necesidades dos profesionais sanitarios que prestan servizo en Ribadavia e dos usuarios dun centro saúde que, ademais de dar servizo aos veciños de Ribadavia, fai as funcións de PAC comarcal, de xeito que da servizo a tamén a toda a comarca do Ribeiro.”

O alcalde quixo agradecer “a boa resposta e acollida do presidente da Xunta de Galicia á proposta do Concello de Ribadavia para renovar o centro de saúde. Unha proposta que agora se materializa vía documento orzamentario con unha dotación de 350.000€.”