O Psoe denuncia unha estratexia contra o grupo na campaña electoral

 Nin as mensaxes en redes sociais foron propaganda electoral nin o valo publicitario instalado na cidade de Ourense incumpría precepto legal algún. Isto foi o que anunciou hoxe o PSdeG-PSOE, logo de que a xustiza veña de dar carpetazo á burda estratexia de “ameazas” e “fogos de artificio xudiciais” de Manuel Baltar, quen pretendeu “amordazar” aos socialistas durante a campaña electoral das eleccións autonómicas.

O secretario de organización, Juan Carlos Francisco, detallou como “quedou acreditado que os feitos denunciados polo presidente do PP ourensán son absolutamente inocuos”, o que pon de manifesto o “burdo intento do PP de colocar a Rafa Villarino na diana como suposto responsable de todos os males desta provincia”. “O PP quixo desgastar, amordazar e intimidar” coa “única intención de que nesta provincia non se faga política, fronte a actitude caciquil de Baltar”, denunciou Francisco, segundo dixo, co único fin de que “gardemos silencio” desde a oposición.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Dicímoslle ao PP que o PSdeG-PSOE non vai calar, polo que imos seguir denunciando todas e cada unha das falcatruadas que fan nesta provincia”, advertiu o secretario de organización antes de sinalar que “non imos deixar que o PP intimide a ningún representante do PSOE”. “Non imos sucumbir ás ameazas e ao intento de amordazamento”, concluíu.

Rafa Villarino explicou que o a Xunta Electoral de Galicia determinou que as mensaxes publicadas nas súas redes sociais non infrinxiron a lei: “o PP utilizou a vella estratexia de atacar á persoa cando non hai argumentos”. “Nesas mensaxes nin se pedía voto explícito para ninguén nin se pagou ningún tipo de publicidade”, relatou o secretario provincial, tras advertir que o órgano electoral superior da comunidade autónoma clarexa con rotundidade que “non hai ningún tipo de vulneración da normativa” polo que esas mensaxes son un “exercicio do dereito de liberdade de expresión”.

“Ourense non se vai deixar amedrentar polo PP e Ourense ten quen a defenda”, proclamou porque “a liberdade de expresión está por riba dos vetos, trabas e manobras xurídicas do PP”. “Que ten que dicir agora o PP que me ameazou, insultou e degradou”, preguntouse Villarino tras cuestionar “cal é agora a súa lexitimidade para seguir a acusarnos”. “O PSOE sabe o que é a lei e o PP debería sabelo para non adicar máis tempo a manchar a imaxe pública de partidos e persoas”, remachou.

Baltar, asediado pola constante perda de votos desde que herdou a Deputación Provincial –máis de 40.000 en só oito anos–, denunciou aquelas mensaxes de Villarino ante a Xunta Electoral de Zona, asegurando que infrinxían a normativa electoral. Así mesmo, tamén foi arquivada a outra denuncia impulsada polo presidente da Deputación contra o valo publicitario instalado polos socialistas na avenida de Marcelo Macías da capital. A autoridade electoral acordou “por maioría de tres votos contra un, arquivar por falta de tipicidade” a denuncia do PP que sinalaba falsamente como ilegal o texto “Letais para Ourense” xunto ás imaxes de Jácome, Feijóo e Baltar.

O PSdeG-PSOE cualifica de “extremadamente perigosa” esta “estrataxema” de Baltar xa que “non respecta os principios básicos da democracia e da liberdade de expresión”. “A pesar destas artimañas para tratar de silenciar á oposición, os socialistas seremos sempre un muro de contención contra estas prácticas caciquís”, advirten. “Estas estratexias fallidas de Baltar son unha evidente mostra da desesperación na que está sumido ante a descomposición do seu partido na cidade de Ourense tralo pacto de desgoberno con Jácome que ten á cidade sumida no caos”, conclúen.