Maneiro presenta o domingo 4 en Ourense o seu cuarto álbum, ‘Un bonito despertar’

O cantante e compositor Javi Maneiro iniciará esta fin de semana a xira de presentación do seu último álbum, Un bonito despertar. O Teatro Principal de Ourense acollerá este domingo, 4 de febreiro, a partir das 20.00 horas, a única parada que o músico, xa recuperado do accidente cerebrovascular que sufriu no 2022, fará na provincia. As entradas están á venda desde 10€ a través de  www.ataquilla.com

Maneiro visita este inverno os teatros e salas de concertos de Galicia para dar a coñecer o seu cuarto disco en solitario, no que asume tanto a autoría da música coma das letras. Logo do lanzamento do LP no mes de maio así como da presentación na Sala Capitol en xuño, o músico por fin levará o seu novo directo a un total de sete localidades do país grazas ao apoio da Xunta de Galicia. Sobre o escenario, o cantante acompañarase dunha banda conformada por Manu Rey (batería), Pachi Cruz (baixo), Rubén Cores (guitarra), Fernando Calvo (Guitarra) e Iria Iglesias (teclados).

A xira comezará este sábado 3 en Boiro e, ao día seguinte, Maneiro desprazarase a Ourense para actuar no Teatro Principal. Dúas semanas despois, Un bonito despertar presentarase no Playa Club de A Coruña o sábado 17, mentres que na Sala Jagger de Lugo o directo terá lugar o domingo 18. Xa de cara á fin de semana seguinte, o músico estará no Master Club de Vigo (sábado 24) e no Centro Torrente Ballester de Ferrol (domingo 25). Finalmente, a xira de inverno pecharase o sábado 2 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra.

Biografía Maneiro

Javi Maneiro é natural da Pobra do Caramiñal, mais reside en Ribeira desde hai 25 anos. Coñecido por ser vocalista de bandas como Heredeiros da Crus e Jabón Blue, no 2014 inicia a súa carreira en solitario, unha traxectoria que compaxinou co seu traballo nunha fábrica de conservas. No 2017 lanza o seu primeiro LP Furtivos e, dous anos despois, o segundo, Acaricia mis arrugas. A capacidade de composición de Maneiro é sorprendente: tan só un ano despois, no 2020, publica un disco acústico en formato videoálbum, Palabras de un desconocido

AVANTAR ACTIVIDADES


No 2021, para celebrar os seus 30 anos na música, comeza a traballar no que será o seu cuarto disco, Un bonito despertar; mais no medio da gravación do disco e da xira con Heredeiros, sufre un accidente cerebrovascular. Logo do seu lanzamento o pasado mes de maio, da presentación ao vivo na Sala Capitol de Santiago no mes de xuño e dunha coidada recuperación ao longo destes meses, Maneiro iniciará o vindeiro 3 de febreiro unha xira de ateigada de vitalidade e entusiasmo polas salas de concertos e teatros de Galicia.

Xira de presentación Un bonito despertar

03.02.2024 Boiro | A Pousada das Galicia Imaxinaria, 22.00 horas
04.02.2024 Ourense | Teatro Principal, 20.00 horas
17.02.2024 A Coruña | Playa Club, 22.30 horas
18.02.2024 Lugo | Sala Jagger, 19.00 horas
24.02.2024 Vigo | Master Club, 22.30 horas
25.02.2024 Ferrol | Centro Torrente Ballester, 19.00 horas
02.03.2024 Pontevedra | Teatro Principal, 22.00 horas