O BNG de Barbadás califica de “continuistas e pouco ambiciosas” as contas do Concello para o ano 2021

Desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Barbadás xustificaron o seu voto en contra ás contas presentadas polo goberno local por entender que son “continuistas e non se adaptan á nova realidade xerada pola crise orixinada pola covid-19”.

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Barbadás, concretamente os concelleiros Carlos González e Sarín Núñez, compareceron esta mañá diante dos medios para avaliar e dar conta dos motivos que os levaron a votar en contra do proxecto de orzamentos municipais aprobados a pasada tarde polo pleno do Concello de Barbadás.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para o voceiro nacionalista Sarín Núñez, estamos diante dunhas contas “absolutamente continuistas en relación ás de 2019 e que non teñen en conta a crise económica e social derivada da pandemia orixinada pola COVID-19”.

Unhas contas que para os nacionalistas non recollen partidas específicas para sectores tan importantes e tan castigados como é o pequeno comercio e de proximidade así como o resto de autónomos. Para Núñez é significativo tamén que “non contemplan partidas para a promoción económica, para loitar contra o desemprego nin tampouco para atallar os graves problemas de exclusión social de moitas das nosas veciñas e veciños”.

Dun orzamento de 6.892.356.77 € e que se incrementa en máis de cen mil euros en relación ao do ano 2019, soamente se adican a investimentos ao redor de 85.000 €. Para o Voceiro nacionalista Sarín Núñez, “un concello que non inviste é un concello morto”, para engadir que “os orzamentos dun concello son unha declaración de intencións, o que vemos coas contas do PSOE de Barbadás é que intencións máis ben poucas por non dicir ningunha”.

Estamos ante unhas contas que obvian proxectos tan necesarios para o municipio como son o tan demandado instituto, o centro de día, a segunda escola infantil ou mesmo a piscina climatizada. Motivos que levaron aos nacionalista segundo afirma Sarín Núñez a “presentar a través do Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento de Galiza, emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2021 co fin de incluir partidas específicas para Barbadás, concretamente falamos de 100.000 € para o Centro de Día e de 50.000 € para a segunda escola infantil tan necesaria e demandada pola veciñanza”.

En definitiva e como ben afirma Núñez, “unhas contas propias dun goberno esgotado e sen folla de ruta, que vive de proxectos pasados e que se adica exclusivamente a tarefas burocráticas e administrativas pero que non conta cun proxecto claro e de futuro para o Concello de Barbadás”.