Emilio González apela ao espírito de concordia e unidade da Constitución Española para lograr novos consensos

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, apelou hoxe ao espírito de concordia e unidade que emana da Constitución Española para lograr novos consensos que permitan avanzar cara “unha España máis xusta”. Así o expresou durante a conmemoración do 42º aniversario da Constitución Española, celebrado esta mañá na sede da Subdelegación do Goberno cun aforo reducido para respectar as medidas de prevención da COVID-19.

Publicidade

No seu discurso, Emilio González destacou que a Constitución de 1978 aporta o marco de seguridade xurídica e de certeza no que desenvolvernos. “Así se demostrou neste ano 2020 no que foi preciso mobilizar todos os nosos instrumentos institucionais para facer fronte á maior pandemia que vivía a humanidade nos últimos cen anos”. O subdelegado do Goberno subliñou que tanto o estado de alarma como a cogobernanza do Goberno central e das Comunidades Autónomas foron elementos necesarios para controlar o virus, defender a saúde pública e salvar vidas.

Incidiu na necesidade de “recuperar o valor da palabra e o espírito de diálogo como en 1978 para, dende a unidade, seguir traballando para saír da crise sanitaria e económica sen deixar a ninguén atrás”. Así mesmo, o subdelegado salientou que “a nosa Constitución é a ferramenta máis eficaz para construír un futuro sen exclusións nin renuncias aos noso principios e conquistas democráticas e con pleno respecto aos dereitos e liberdades humanas”.

No seu discurso, Emilio González tivo un recordo especial para as ourensás e os ourensáns que faleceron a causa da COVID-19 e quixo transmitir “toda a miña solidariedade e o meu cariño ás súas familias e achegados que sufriron esta enorme perda”.

Así mesmo, quixo agradecer o traballo colectivo e o civismo demostrado pola cidadanía durante todos estes meses, así como trasladarlles o seu recoñecemento, institucional e persoal, a todos os traballadores que realizaron unha inxente labor durante a pandemia, en especial aos profesionais sanitarios e ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Durante o acto procedeuse á entrega dun obsequio ao alumnado gañador na categoría de ESO, Bacharelato e Ciclos Medios de Formación Profesional da XXXVI Edición do Concurso da Constitución, celebrada no ano 2019, posto que a viaxe a Madrid para visitar o Congreso e o Senado coa que resultaran premiados non se puido levar a cabo polas restricións derivadas da COVID-19. Recolleron os  premios representantes dos nove colexios e institutos nos que cursan estudos os gañadores.

Ao acto asistiron o tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; o subdelegado de Defensa, Gustavo Doncel; o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Rafael López Pinel; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez Hernández; e o bispo da Diocese de Ourense, J. Leonardo Lemos.