Xa estamos no outono e, tras estes días de choiva, os cogomelos comezan a aparecer nos montes. Con este escenario, o Concello de Sandiás convidou á veciñanza a participar nas VIII Xornadas Micolóxicas, celebradas o sábado 14 de novembro, cun roteiro guiado pola Asociación Micolóxica “Os Cogordos” (Ourense) pola carreira da Quelle, en Cerredelo, e San Bieito da Uceira e os montes da contorna.
A proposta lanzábase á veciñanza cun reto: atopar, coñecer e identificar os cogomelos, ademais de descubrir as posibilidades que ofrecen na cociña.
Os participantes estaban convocados ás 9.00 horas ao carón da Casa do Concello. Finalmente, foron 22 veciños e veciñas procedentes de Ourense, Xinzo de Limia, Couso de Limia, Sandiás, Piñeira de Arcos, Zadagós, A Corga, Bande, Cerredelo e Vilariño das Poldras, entre outros lugares, os que acudiron á cita a pesar do tempo cambiante, do orballo continuo e das rachas de vento.
Pertrechados con roupa e calzado apropiados, navalla e cesto, os participantes saíron ao monte para gozar dun auténtico baño de bosque no outono, admirando a viveza do chan e percorrendo corredoiras serpenteantes entre carballos vellos que se desintegran, bidueiros emerxentes e castiñeiros. O chan aparecía cuberto por unha capa de follas e ourizos de castiñeiro.
Houbo un pouco de todo ao longo da xornada: boa compaña, fatigas, momentos para gozar do bo tempo e a alegría provocada por cada encontro coas prezadas setas, que en determinados momentos ofreceron sorpresas inesperadas.
O encontro desenvolveuse durante toda a mañá e parte da tarde. Pola mañá, os participantes saíron ao monte para realizar a recollida. A continuación, chegou o momento da limpeza, preparación e cociñado dos cogomelos.
Finalmente, tanto no monte como no local social de Sandiás, e coa espléndida e experimentada asesoría didáctica de Xosé Luis, da Asociación “Os Cogordos”, tivo lugar un espontáneo faladoiro sobre a identificación dos cogomelos, as súas características e os perigos de intoxicación, entre outros aspectos.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A xornada permitiu tamén descubrir e gozar de diferentes elementos etnográficos da contorna, como os muros simples e dobres de pedra a xunta seca, especialmente nas corredoiras da aldea de Cerredelo, as fontes de mina, as formas curiosas dos carballos na natureza e a frescura do bosque, cos seus múltiples tons e cores propios do outono.
Unha xornada para buscar, aprender, identificar, cociñar e compartir, na que o bosque e os cogomelos volveron ser os protagonistas en Sandiás.

















