Remata a rehabilitación do edificio no casco histórico que permitirá ampliar o Museo Etnolóxico de Ribadavia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A empresa Obras y Servicios Gómez Crespo SL comezara en abril do pasado ano os traballos de rehabilitación do edificio do número 19 da rúa de Santiago de Ribadavia, que será destinado a ampliar as instalacions do Museo Etnolóxico, ubicado enfronte. A restauración do inmoble estivo financiada pola Secretaría de Estado do Ministerio de Cultura cun orzamento de 794.000 euros, e as obras construtivas están prácticamente rematadas, a falta de alguns detalles complementarios.

As obras permitirán o traslado do importante e antigo arquivo fotográfico que alberga o museo e que se achega a unhas 600.000 imaxes, ademais de mobiliario, o que facilitará poñer a disposición dos investigadores un mellor espazo para o estudo dos fondos museísticos.

O edificio ubicado no número 19 da rúa Santiago de Ribadavia fora cedido en 2004 pola Xunta de Galicia ao Estado para que se poidera ampliar o Museo Etnolóxico. Trátase dunha edificación que ocupa en planta 55,5 metros cadrados que se completan con 37,5 de patio e unha superficie adxacente doutros 28,16 metros. A súa rehabilitación permite expandir as instalacions do museo, que é de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta de Galicia e ocupa un palacete do século XVIII que foi reformado e ampliado no século XX.

O Museo Etnolóxico foi creado no ano 1969 por iniciativa de Manuel Chamoso Lamas, o investigador nado en Moldes (Boborás), na súa época de comisario de Patrimonio Artístico Nacional, baixo a denominación de ‘Museo de Artes y Costumbres Populares’, como sección etnográfica do Museo Arqueolóxico Provincial, ata adquirir a súa independencia como institución museal no ano 1993.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------