O PsdeG de Viladevós acusa ao alcalde de actuar coma un “gánster” ao tomar “represalias” cun despido “improcedente” contra un traballador que denunciou ao concello despois dun concurso no que foi “prexudicado”

Os socialistas critican que dende o despedimento do traballador, o tractor atópase “totalmente parado, sen dar servizo á veciñanza e sen realizar as labores de limpeza de montes, sendas e estradas”

O voceiro do PSdeG-PSOE, Julio Prada subliña que “a mala fe do rexedor non só prexudicou a este traballador e veciño, senón que tamén lle supuxo ao Concello unha perda de cartos considerable”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Vilardevós acusa ao alcalde, Manuel Cardoso Pérez, de actuar coma un “gánster” ao tomar “represalias” e despedir de xeito “improcedente” a un traballador municipal, logo de que este reclamase por vía xudicial que se lle recoñecesen os méritos nun concurso público de acceso a unha praza de chofer para o tractor-desbrozadora municipal. Os socialistas critican que dende o despedimento deste traballador, o tractor atópase totalmente parado, sen dar servizo á veciñanza e sen realizar as labores de limpeza e desbroce de montes, sendas, camiños e estradas.

Dende o Grupo Municipal Socialista relatan que este traballador gañou en abril de 2018 un concurso público municipal e fíxose coa praza de chofer para o tractor-desbrozadora cun contrato temporal dun ano, con outro prorrogable. En 2019, o Concello prolongoulle o contrato e en maio-xuño de 2020 cesou e abriuse un novo concurso no mes de xuño, ao que o traballador se presentou. Os socialistas denuncian que ese concurso “foi amañado” polo rexedor, xa que non se tiveron en conta os “méritos” deste traballador, outorgándolle a praza a outra persoa, a que se lle concedeu maior nota.

“Resulta curioso que nese concurso, ademais de non contarlle os méritos a este traballador, se lle puxo na parte práctica unha nota de 5,5, facendo apreciación de que precisaba maior soltura e de que estaba falto de capacitación para o posto, cando levaba dous anos traballando como chofer do tractor”, explican dende o PSdeG-PSOE de Vilardevós. A isto, sumouse que a outra persoa que se presentou “sacou a maior nota na parte práctica, cun 9, cando non realizou ningunha tarefa cun tractor na súa traxectoria”.

Ante esta situación, o traballador ao que non se lle recoñeceron os méritos decidiu presentar un recurso de alzada no Concello o 26 de xuño de 2020, alegando o “incumprimento” das bases no baremo de méritos con respecto da experiencia profesional e formación regulada, onde se lle asignaba só un 4,20, cando cos documentos presentados de experiencia laboral, a nota tiña que ser moito maior, pero tal e como apuntan os socialistas “o alcalde decidiu non recoñecerlle, nin valorarlle estes méritos, supoñemos que con intereses espurios”.

Posteriormente, o traballador decide presentar denuncia vía xudicial e o xulgado contencioso administrativo nº 2 de Ourense, en sentenza do 9 de abril de 2021, falla a favor do traballador acordando que se lle recoñeza unha puntuación de 7,45 puntos na fase do concurso, co que sumado aos puntos xa sumados e recoñecidos, pase a ter unha puntuación final de 16,75, e deste xeito a máxima nota. A xustiza tamén determina, que o ter a máxima nota, debe ser contratado e que se lle abonen os salarios deixados de percibir, coas retencións correspondentes, ata que se resolva a contratación.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Vilardevós, Julio Prada Hohenstein, subliña que “a mala fe do rexedor, non só prexudicou a este traballador e veciño do municipio, senón que tamén lle supuxo ao Concello unha perda de cartos considerable, tanto polas costas xudiciais, como polo abono dos salarios con carácter retroactivo”. O edil socialista, tamén destaca que a xustiza “probou que non se lle recoñecerán os méritos pertinentes, polo que temos claro que o alcalde amañou o concurso co obxectivo de privalo da praza”.

O traballador, readmitido novamente como chofer do tractor municipal, foi cesado en xullo de 2021 e decidiu entón acudir a xustiza, ao entender que o seu despedimento era improcedente. O xulgado do social nº 4 de Ourense declarou a “improcedencia” do despedimento e condenou ao Concello a abonar ao traballador, en concepto de indemnización, descontada da xa percibida, 3.888,45 euros. “Isto supuxo un novo golpe para as xa maltreitas arcas municipais”, apunta Prada Hohenstein, que tamén sinala que “o lóxico sería que se volvese a readmitir o traballador, en lugar de indemnizalo, para que seguise desempeñando as súas funcións”.

O PSdeG-PSOE de Vilardevós denuncia ademais que dende o “despedimento improcedente” do traballador en xullo de 2021, “o tractor está totalmente parado, xa que non hai ningún traballador para poder empregalo e a pesar da necesidade urxente de polo en funcionamento e ao servizo da veciñanza”. Os socialistas presentaron por escrito varias preguntas neste senso, pero denuncian que o alcalde “só deu escusas baratas e de mal pagador” e acúsano de “ir contra os intereses da veciñanza en favor dos seus propios”.

O voceiro socialista, Julio Prada, critica que “se opte pola indemnización en lugar de repoñer o posto, cando o tractor vai quedar parado”. O edil socialista tamén denuncia a “tardanza” do rexedor, xa que segundo apunta, “leva un ano co tractor parado e sen convocar as bases para un novo concurso que dea cobertura a esta praza tan necesaria para o noso municipio”. Os socialistas denuncian a súa vez, que no último pleno municipal, o alcalde negouse a “dar explicacións” ante as preguntas do grupo municipal do PSdeG-PSOE sobre este tema “tan relevante”, no que consideran un “ataque á democracia e unha falta total de transparencia, non só co noso grupo político, senón con toda a veciñanza de Vilardevós, que demanda saber cando se resolverá unha situación que ten paralizado este servizo no municipio”.