Pontón pide apostar polo equipo da casa este 29N: “Por Galiza e por unha vida digna”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Presas augura que Ourense “estará a altura e fará historia co primeiro escano do BNG” para marcar a diferenza: “Hai ventos de cambio”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Santiago, 14 novembro 2026.- A portavoz nacional, Ana Pontón, chamou desde Allariz a concentrar o voto de País este 29N no BNG, o equipo da casa, a única forza política que vai defender os intereses dos galegos e das galegas e os dereitos da maioría social para que poida ter unha vida digna.

“Temos que facernos valer e precisamente isto é o que nos xogamos o 29N, que Galiza se faga valer e gañe peso político no Estado e que os nosos problemas teñan solucións e, para iso, só hai un camiño, concentrar todo o voto galego inconformista e de País no BNG”, proclamou xunto á cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, nun mitin no que tamén participaron a alcaldesa, Cristina Cid, e o candidato ao Senado, Bernardo Varela.

A líder nacionalista mostrou o seu convencemento de que o Bloque vai acadar un gran resultado nestas eleccións xerais e augurou que fará historia en Ourense cunha deputada que defenda os seus intereses. “Noa Presas vai ser esa voz forte e libre que Ourense merece”, afirmou para confrontar a alternativa do BNG a un bipartidismo que defende os seus intereses partidistas nas Cortes, na vez dos da cidadanía ourensá.

Un gran resultado que dixo notar non só nas rúas, senón tamén no nerviosismo dun PP que mostrou de maneira especial na folga xeral na que os galegos e as galegas se mobilizaron masivamente co BNG da man e pola que acusaron ás organizacións convocantes de “mafia” e “lixo”.

“Eu creo que lixo son as políticas que xogan coa vida da xente para que unha minoría se faga rico mentres miles de mozos e mozas non teñen futuro neste País, que é a política que practicou o Partido Popular e o señor Feijóo durante estes anos”, criticou.

Neste sentido, criticou que o PP pretenda vender agora ao agora candidato do PP como a gran esperanza de Galiza. “Pero se xa o tivemos aquí 13 anos e o que fixo foi triplicar a débeda pública, recortar na sanidade, na educación, na dependencia e deixar tirada á xente deste País dinamitando a política de vivenda”, recordou.

Pontón afeou ao expresidente da Xunta que só se acorde dos galegos e das galegas para vir a pedir o voto porque dende que marchou a Madrid nin el, nin o seu segundo, Miguel Tellado, falaron nin unha soa vez de Galiza nas Cortes.

“E vén agora Feijóo a prometer que vai solucionar o problema da vivenda, cando durante os 13 anos que foi presidente da Xunta, con competencias exclusivas na materia, o que fixo foi dinamitar a política de vivenda e favorecer a especulación”, reprochou, tras recordar que o agora candidato, que promete miles de vivenda, entregou nos últimos anos só 15 vivendas.

A portavoz nacional tamén criticou un modelo cuestionado cada vez por máis xente, que crea máis desigualdade e pobreza, entre clases sociais, pero tamén entre pobos. Neste sentido, recordou que todas as nacións e territorios perderon peso relativo na riqueza do conxunto do Estado salvo Madrid, que concentra o 20% do PIB.

“Non é porque en Madrid o fagan mellor, nin porque teñan máis recursos, é o deseño centralista do Estado que ademais é funcional para que os grandes grupos económicos acaparen máis recursos, máis investimento”, explicou para apelar a “romper ese deseño” votando ao BNG.

Pontón tamén advertiu sobre un contexto de involución a nivel internacional marcado polas guerras e os xenocidios, no que se impoñen discursos de odio e no que se cuestionan os avances sociais que tanto custou conquistar, mentres se aumenta o gasto militar e, neste punto, recordou que o gasto militar do Estado xa absorbe 35.000 millóns, mentres que o previsto para políticas de vivenda só ascende a 840 millóns.

“É dicir, 25 veces máis para armas que para políticas de vivenda, o problema non son os recursos, o problema son as prioridades e as nosas son ben claras: sanidade pública e non mísiles, pensións e non armas e darlle futuro á mocidade e non investir en balas”, remarcou.

Ante unha campaña electoral na que se está tentando reforzar o bipartidismo sistémico, a líder nacionalista recordou que o 29N vai da vida da xente, de que Galiza se faga valer e de que se lle dean ao País os investimentos, infraestruturas e servizos que merece e que son xustos.

“Por iso, o próximo 29 de novembro vaiamos a votar con ilusión para que teñamos en Madrid a Carme da Silva para defender os dereitos das mulleres e dos homes deste País”, concluíu.

Pola súa parte, Noa Presas animou a “marcar a diferenza” nestas eleccións e ter por primeira vez unha deputada do BNG por Ourense. “Hai xente decepcionada coa política madrileña pero este 29N en Ourense non hai que escoller entre o mal maior ou o mal menor porque hai a quen votar: está o BNG”, afirmou con contundencia na súa intervención a cabeza de lista, chamando a encher as urnas de papeletas do BNG.
“As cousas non pasan dun día para outro, pasan grazas ao esforzo de moitas vontades. Hoxe estamos aquí en Allariz porque vimos de lonxe e este 29 de novembro imos facer historia co BNG para facer valer Galiza e Ourense”, remarcou.
A cabeza de lista ao Congreso engadiu tamén que nestas eleccións, como na vida, non tratan dunha dicotomía. “Por moito que vexamos nos farois, isto non vai de escoller a Feijóo e Sánchez: escollemos quen vai representar Ourense”, recordou.
Neste sentido, subliñou que en case 50 anos, a representación sempre foi das forzas estatais, dese bipartidismo estéril que non trouxo nada bo. “Pedimos paso, unha oportunidade para marcar a diferenza porque se todas as persoas que votaron nas galegas BNG en Ourense volven coller a nosa papeleta, o escano está aí ao alcance da man”, concluíu.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------