Arrancan as obras para humanizar as rúas Caravel e Loureiro de Flores coa renovación do pavimento e as redes de saneamento, abastecemento e pluviais

O Barrio de Flores lucirá unha imaxe renovada antes de que remate este ano. As obras para humanizar as rúas Caravel e Loureiro, no casco urbano do Carballiño, xa están en marcha e prevese que finalicen despois do verán, xa que o prazo de execución é de 5 meses. Con esta actuación, o Concello prevé poñer fin as deficiencias detectadas nestas vías. O orzamento para executar os traballos supera os 150.000 euros.

Tal e como se especifica no proxecto, o plan de obra prevé o arranxo do pavimento e a renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais. Para a humanización e posta en valor desta nova área de Flores procederase a levantar o actual pavimento, dotarase a toda a zona de novas redes de canalización de augas e alcantarillado, instalaranse novos sumideiros, canalización de pluviais e outros elementos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dotarase á zona de pavimentado continuo de formigón impreso, con xuntas de 10 centímetros de espesor, para uso peonil. Tamén se dotará aos viais obxecto de mellora de lastros de granito Blanco Berrocal para manter a mesma tipoloxía e dar continuidade ás intervencións xa realizadas no barrio.

O Concello iniciou na primavera do 2021 o plan de rehabilitación do barrio de Flores. A zona antiga da vila, o espazo que deu lugar ao nacemento do Carballiño, é un dos sinais de identidade do pobo e dende o goberno local apostan por conseguir o desenvolvemento humano e social dun entorno que se deteriorou co paso dos anos.

O primeiro dos proxectos do plan de rehabilitación do barrio de Flores foi o referido ao acondicionamento e rehabilitación da rúa Mirto, actuación que estivo dotada cun investimento de 100.000 euros. O executivo local prevé agora poñer fin con este proxecto ás deficiencias detectadas nestas dúas vías.