O convenio de protección das aldeas para a anticipación aos incendios acada a xestión do 70% das parcelas e superficie na contorna das vivendas galegas

Ilustración 1 Os operarios realizan traballos de roza nas parcelas.
  • Un total de 270 concellos están adheridos a este convenio e a 232 deles xa se lles enviou o plan de prevención

A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e Seaga puxeron en marcha no ano 2018 un convenio de protección das aldeas no marco da loita contra os incendios. Dende a súa posta en marcha, a porcentaxe tanto de parcelas coma de superficie xestionada nas franxas secundarias -as máis próximas ás vivendas- incrementouse ano a ano ata chegar ó 70% neste 2021, confirmando así o seu bo funcionamento.

A este convenio están adheridos 270 concellos, e deles, 232 xa recibiron os plans de prevención por parte da Xunta. Deles, 130 están xa aprobados e 41 contan cun informe favorable e pendentes de aprobación. Con esta colaboración, a Xunta pretende apoiar ós concellos na loita e prevención dos incendios.

AVANTAR ACTIVIDADES

Este convenio contempla tamén a xestión de biomasa en vías municipais ata en 10 quilómetros por cada un e 10 hectáreas de execución subsidiaria. Ademais, tamén inclúe a posta en marcha de iniciativas coma a mobilización de terras ou a creación de aldeas modelo, con 44 xa en diferentes fases de execución e 14 xa declaradas.

Traballos de limpeza finalizados

Ilustración 2 O acondicionamento das parcelas é unha das iniciativas de anticipación aos lumes.

Dentro deste convenio, a Xunta acaba de finalizar a comprobación dos traballos de limpeza e mantemento en 180.000 parcelas nas parroquias priorizadas, que poden ser executadas polo propio titular ou mediante a contratación de Seaga. Os resultados desa comprobación foron moi esperanzadores, xa que se constatou un incremento no grao de cumprimento das obrigas de manter estes espazos limpos.

Aínda así, quedan 65.000 titulares que non realizaron estes traballos. A Xunta de Galicia encárgase de notificar ós donos as parcelas que están sen acondicionar. No caso de que non cumpran co seu deber, os concellos procederán á limpezas das mesmas, pero trasladando o custo dos traballos ós titulares das parcelas. A día de hoxe hai un total de 31.500 persoas que son ilocalizables, polo que a Xunta procederá a publicar as notificacións no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado.

Logo desta análise agora é a quenda das parroquias non priorizadas. Os concellos que están a revisarse actualmente son Porto do Son, Cualedro, Oímbra, A Gudiña, Verín, Sandiás, Boborás, Arbo e Mondariz. Para poder levar a cabo este traballo de revisión de cumprimento da norma, a Xunta contratou a un total de 30 capataces que se suman ás 15 persoas que xa traballaban na comunidade.