O Psdeg-Psoe de Ourense apoia as reivindicacións da plataforma pola defensa do transporte público do Carballiño

O Psdeg-Psoe de Ourense apoia as reivindicacións da plataforma pola defensa do transporte público do Carballiño a favor duns servizos de mobilidade comarcal dignos

O secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, coincide na necesidade de “loitar” por un transporte público digno no que se retomen, o antes posible, as liñas de tren afectadas pola pandemia

AVANTAR ACTIVIDADES

O socialista destacou o “desprezo e marxinación” co que a Xunta de Galicia trata á provincia de Ourense e comprometeuse a apoiar a chegada do autobús urbano aos concellos da contorna ourensá

 O secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, vén de manter un encontro con representantes da Plataforma pola Defensa do Transporte Público do Carballiño para escoitar as súas reivindicacións e inquedanzas a respecto do futuro dos servizos de mobilidade na comarca. No encontro estiveron presentes o presidente da plataforma, Ramiro Bello Martín, e o vogal, Joaquín Moldes González, que solicitaron a colaboración dos socialistas para a recuperación de servizos clave e o afianzamento dunha rede de transporte público de calidade para a veciñanza.

As peticións do movemento cidadán pasan pola necesidade de repor a venda presencial de billetes na estación, de recuperar as liñas que foron suspendidas e de garantir o investimento para a mellora da rede ferroviaria. Ademais, solicitan a “disposición das administracións para a formación dunha mesa de traballo” que garanta o diálogo coa veciñanza en proxectos clave como a nova estación intermodal do Carballiño.

Pola súa banda, Villarino coincidiu coa necesidade de apoiar as peticións da plataforma, ao tempo que amosou o seu compromiso para poñerse en contacto coas administracións públicas do Estado coa finalidade de pór o proxecto de estación intermodal de O Carballiño ao dispor da plataforma.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense destacou o “desprezo e marxinación” co que a Xunta de Galicia trata á provincia de Ourense e fixo especial fincapé no “nulo compromiso” do goberno autonómico co transporte metropolitano. Fronte a isto, Villarino comprometeuse a apoiar a chegada do autobús urbano aos concellos da contorna ourensá, e particularmente a O Carballiño.