A Xunta impulsa un novo plan de 1,5 m€ para atraer un turismo sustentable a 21 concellos do Ribeiro e do Carballiño

Aprobouse no último Consello da Xunta

O Consello da Xunta de Galicia autoriza un convenio para lanzar o Plan de
sustentabilidade turística en destino con accións de realidade aumentada, para
coñecer a tradición enogastronómica ou a apertura dun centro e para promover
produtos locais
— Beneficiaranse Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle,
Cortegada, Leiro, Melón, Ribadavia, Beariz, Boborás, O Carballiño, O Irixo, Maside,
Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea, Padrenda e Pontedeva
— É unha das 13 estratexias que benefician 80 concellos e que se inclúen no Plan
territorial de sustentabilidade de Galicia con financiamento europeo

AVANTAR ACTIVIDADES

O Consello da Xunta autorizou hoxe a subscrición dun convenio de colaboración coa
asociación O Carballiño-O Ribeiro para a posta en marcha do Plan de sustentabilidade
turística en destino por valor de 1,5 M€ nos 21 concellos que conforman parte do
xeodestino que xestionan. Incluirá medidas como a posta en marcha de ferramentas de
dixitalización, realidade aumentada e posta en valor dos produtos gastronómicos locais
a través de rutas temáticas, entre outras.
En concreto, o plan beneficiará os concellos da Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia,
Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Ribadavia Beariz, Boborás, O
Carballiño, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea, Padrende e
Pontedeva.
Entre outras medidas prevese un plan de ruta ata 2025, que incluirá a mellora da xestión
turística deste destino coa restauración paisaxística dos produtos e servizos turísticos,
elaboración dun inventario do patrimonio material e inmaterial enogastronómico ou a
creación dun menú especial con produtos km 0 da zona. Tamén se prevé, entre outras
accións, implantar medidas de realidade aumentada para coñecer a tradición
enogastronómica do territorio ou a apertura dun centro de enogastronomía.
Esta nova folla de ruta inclúese no Plan territorial de sustentabilidade turística da
enogastronomía de Galicia que a Xunta lanzou este ano 2023. Cun investimento de
34,5 M€ ata o ano 2025, enmárcase no Plan de recuperación, transformación e
resiliencia para aproveitar o financiamento europeo no camiño á transformación dixital
e o incremento da competitividade dos destinos turísticos.

O Plan territorial galego inclúe a posta en marcha de medidas transversais destinadas
ao sector de todo o territorio, como axudas ao embelecemento e a adecuación dos
establecementos de produción enolóxica e alimentaria ou a potenciación da mobilidade
sustentable, entre outras. Entre os compromisos do plan está, ademais, a posta en
marcha de 13 plans de sustentabilidade turística en destino -como o autorizado hoxe-,
dos cales se benefician un total de 80 concellos galegos