María José Rodríguez, gañadora do XVII Premio “Pura e Dora Vázquez” de ilustración

Reunión do xurado do premio Pura e Dora Vázquez na modalidade de Ilustración. Asisten Patricia Torres Madureira (Deputada Porvi cial), José Manuel Fernández López; Rosa María Nóvoa Vázquez; Isabel Mociño González; Xoán Xosé Rodríguez Gonzalez (Todos eles co membros do Xurado) e como secretaria actua Ana Malingre Rodríguez.

A ilustradora galega María José Rodríguez García foi a gañadora do XVII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de ilustración, organizado pola Deputación de Ourense e dotado con 1.500 euros. O xurado, reunido hoxe na sala de xuntas do Pazo provincial, destacou das ilustracións gañadoras os seus elementos pedagóxicos e didácticos, “cunha estética infantil e inxenua que ilustra magnificamente a narración”.  

Publicidade

O traballo de María José Rodríguez ilustrará o libro Adrán e a fábrica de xeo, de Begoña Graña, gañadora deste mesmo certame na modalidade de narración. O xurado subliñou que “as imaxes dan moitísima información, teñen forza e expresividade, cun interesante tratamento da cor”. Na acta do fallo tamén se destacan os “valores expresivos que poden impactar moito ao lector novo”. 

O xurado do XVII Premio “Pura e Dora Vázquez” de ilustración estivo presidido pola deputada de Cultura da Deputación de Ourense, Patricia Torres, actuando como secretaria Ana Malingre, e como vogais José Manuel Fernández, Rosa María Nóvoa, Isabel Mociño, Xoán Xosé Rodríguez e Luis Gulín. 

María José Rodríguez, licenciada en Pedagoxía, ten unha ampla traxectoria no mundo da ilustración, con máis dunha ducia de exposicións individuais e colectivas e cinco primeiros premios no deseño de carteis para recoñecidos eventos, ademais de exercer como profesora de debuxo, plástica e modelado. En datas recentes, o pasado 3 de outubro participou na terceira edición das xornadas de pintura ao aire libre, celebradas na localidade ourensá de Puxedo, no Concello de Lobios.