Ribadavia continúa coas melloras na Picuxa.

O Concello ven de instalar novas porterías e canastras e continuará con melloras nun recinto que aumentou a súa afluencia de uso.  Ata que a Xunta pechou o Colexio da Alameda, a PICUXA era un espazo compartido entre escolares pola mañá e o lecer polas tardes pola mocidade local.

Agora é a xente máis moza a que usa a PICUXA como espazo deportivo e de lecer.  Recentemente, neste mes de decembro, o concello comezou a mellorar o espazo coa instalación de luminarias, que levaban moitos anos fora de uso, e que permitirá que se poida usar máis tempo e con maior seguridade, sobre todo nesta época do ano onde anoitece cedo.  Así, esta semana o Concello de Ribadavia continúa coa mellora da PICUXA coa instalación e creación dunha nova pista multideporte, para de mini- baloncesto e mini- balonmán/ fútbol sala. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta nova pista permite que máis nenos e nenas poidan xogar simultaneamente, sendo ademais compatible con outros usos.  O Concello continuará coas melloras a maior brevidade posible, tras as festas, coa intención de que a PICUXA, que a día de hoxe é o único espazo aberto cuberto deste tipo, logre ser un lugar de encontro para a xente máis nova de Ribadavia, pero tamén para que nais e pais poidan practicar deporte cos seus fillos e fillas, nun espazo coidado.   Brais Fidalgo valora moi positivamente estas melloras, moi necesarias nun espazo no que o Concello levaba moitos anos sen realizar melloras nesta infraestrutura deportiva e de lecer, a pesar de ser moi usada.