O Bng de Ribadavia considera que as obras de reforma do centro de saúde de Ribadavia son insuficientes

As obras de reforma do centro de saúde de Ribadavia son insuficientes para as necesidades sanitarias da comarca do Ribeiro.

Feijoo ten que executar o novo centro de saúde que quitou a Ribadavia logo de chegar ao poder hai 13 anos.

AVANTAR ACTIVIDADES

O centro de saúde de referencia na comarca do Ribeiro é o Punto de Atención Continuada (PAC) de Ribadavia, construído o ambulatorio nos anos 70 sen que houbera cambios relevantes ate hoxe.

A única oportunidade produciuse coa inclusión nos orzamentos da Xunta para 2009 dunha partida de 2´5 millóns de euros destinada á construción dun novo centro de saúde. Feijóo recibe este proxecto do goberno de coalición e mantén a partida para un novo PAC en Ribadavia no orzamento de 2010, sen executala nunca. En 2011 e anos posteriores a Xunta xa non presupostou nin o novo centro de saúde en Ribadavia nin os fondos para executalo.

Por iso, en abril de 2011, o BNG preguntou no Parlamento galego por que desaparecera no orzamento da Xunta a partida de 2.500.000 € para o noso PAC. E xa antes, no 2010, o BNG preguntara no Parlamento por que non se iniciara a execución do mesmo proxecto por parte do goberno de Feijóo habendo partida para facelo.

Logo de 13 anos co mesmo goberno na Xunta, chegamos ao inicio dunha reforma do ambulatorio de Ribadavia. O previsible é que mentres Feijóo siga Xunta non vai haber nada máis. Isto para o BNG é insuficiente, non nos vale, este non pode ser un punto final do SERGAS con Ribadavia e o Ribeiro.

O PAC non é só de Ribadavia, é do Ribeiro, e a comarca necesita un novo centro de saúde, propio do século XXI, nunha parcela suficientemente ampla para acoller non só as instalacións propiamente sanitarias, se non tamén os servizos que melloran a calidade da atención e integran o edificio no conxunto urbano de Ribadavia.