
A Corporación provincial de Ourense celebrou hoxe, baixo a presidencia de Luis Menor, o pleno ordinario correspondente ao mes de maio, no que se trataron e aprobaron os seguintes asuntos.
Declaración Institucional
O pleno adheriuse á declaración institucional de apoio ao colectivo de persoas con esclerose lateral amiotrófica (ELA) galegas.
A Deputación instará por escrito ao poder lexislativo estatal para que tramite unha proposición de lei que recolla as mellores achegas de cada unha das normas aprobadas unanimemente, e non esqueza a garantía dos coidados 24/7 como base fundamental da futura lei. Tamén instará á Xunta para que teña en conta as necesidades do colectivo de doentes e familiares, á hora de deseñar, implantar e aplicar políticas que incidan na mellora da calidade de vida dos afectados.
A Deputación comprométese a continuar prestando apoio público á reivindicación legal contida nesta moción, ata o momento en que a norma sexa publicada e entre en vigor, así como a poñer a disposición dos afectados por ELA o asesoramento técnico dos Servizos Sociais provinciais para tramitar as axudas e/ou prestacións establecidas para a mellora da calidade de vida dos enfermos e as súas familias.
Tamén colaborará coa asociación AGAELA naquelas accións que esta asociación leve a cabo para dar visibilidade e concienciar sobre a realidade desta patoloxía. Invita a todos os concellos a unirse a esta reivindicación, amosando publicamente o seu apoio ao colectivo de afectados pola ELA.
Comisións informativas de xuño
Modificouse a data de celebración das comisións informativas do mes de xuño, que terán lugar o día 17, a partir das 16.30 horas. A orde das comisións será a seguinte: Administración Provincial, Transparencia e Emerxencias; Especial de Contas, Facenda e Recursos Humanos; Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural; Políticas Sociais; Turismo, Termalismo e Medio Ambiente; e Cultura, Educación, Deportes e Mocidade.
Regulamento Orgánico da Deputación
Aprobouse definitivamente a modificación do Regulamento Orgánico da Deputación de Ourense, para o desenvolvemento normativo da organización e funcionamento dos órganos políticos da institución provincial e do estatuto dos seus membros, exclusivamente naqueles aspectos non regulados pola lexislación básica de réxime local e pola lexislación complementaria da Comunidade Autónoma de Galicia.
Cambio do modo de xestión do servizo de recollida de residuos
A corporación provincial aprobou inicialmente a modificación do modo de xestión do servizo público de recollida, transporte e tratamento de residuos de competencia local da Deputación de Ourense, pasando de xestión indirecta a xestión directa, mantendo así a xestión por parte da Deputación co seu persoal e medios propios.
Convenio de cooperación para o servizo de recollida de animais abandonados
Aprobouse o convenio marco de cooperación cos entes locais da provincia para que a Deputación preste, en réxime de competencia delegada e con carácter intermunicipal, o servizo de recollida de animais abandonados dependente dos centros de recollida actualmente situados en Xinzo de Limia, O Carballiño, Muíños e A Rúa, así como nos futuros centros que poidan aportar os entes locais adheridos.
No marco deste convenio, a Deputación comprométese a asumir o exercicio da competencia municipal da recollida e custodia dos animais abandonados nos termos municipais dos concellos que se adhiran ao mesmo.
A competencia delegada exercerase no territorio dos entes locais que se encontren adheridos ao presente convenio. Na súa virtude, unicamente se recollerán aqueles animais abandonados que se atopen nos termos municipais incluídos no ámbito do convenio. Os animais recollidos serán trasladados aos centros de recollida de animais abandonados adscritos ao servizo e situados nos municipios de Xinzo de Limia, Carballiño, Muíños e A Rúa.
Considérase que se adhiren ao presente convenio marco de cooperación os concellos que estean adheridos ao anterior convenio, 85 concellos actualmente.
Programa de cooperación para o servizo de recollida de animais abandonados para 2024
Aprobouse o programa de cooperación coas entidades locais da provincia de Ourense para o servizo de recollida de animais abandonados. Este programa establece as accións e prestacións que comprende este servizo prestado pola Deputación en réxime de competencia delegada e con carácter intermunicipal, así como a forma de financiación do custo do servizo no exercicio 2024.
A Deputación de Ourense presta este servizo desde o ano 2013, mediante o cal as entidades locais pódense adherir a un convenio marco de alcance xeral delegando as competencias que teñen atribuídas nesta materia.
Entre as accións que prestará a Deputación ao abeiro deste programa figura: a recollida e custodia de animais; asesoramento en materias como colonias felinas ou sobre situacións relativas a animais de compañía e recomendacións de actuacións; posta a disposición das entidades locais dos equipamentos necesarios para a captura de animais, especialmente dos gatos comunitarios, sempre que sexa solicitado previamente por escrito cun compromiso de custodia dos materiais.
A Deputación de Ourense realizará o servizo mediante xestión directa, sen prexuízo dos convenios que poida celebrar coas asociacións de protección e defensa dos animais.
Adhesión ao convenio entre a Comunidade Autónoma e ECOVIDRIO
Aprobouse a modificación da modalidade de adhesión da Deputación de Ourense ao Convenio Marco asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Sociedade Ecolóxica para a Reciclaxe dos Envases de Vidro (ECOVIDRIO).
Este convenio ten por obxecto regular os dereitos e obrigas da Comunidade Autónoma, de ECOVIDRIO e dos entes locais en relación co funcionamento do Sistema Integrado de Xestión de residuos de envases e envases usados de vidro que xestiona ECOVIDRIO en Galicia.
A modalidade de adhesión elixida será ECOVIDRIO Recolle, pola que a Deputación de Ourense encomenda formalmente a ECOVIDRIO os servizos de xestión de recollida selectiva de residuos de envases e envases usados de vidro nos municipios.
Filla predilecta da provincia á doutora Marisa Crespo
A corporación provincial aprobou outorgarlle a distinción honorífica de Filla Predilecta da Provincia de Ourense a dona Marisa Crespo Leiro (San Cristovo de Cea 1961), como homenaxe e recoñecemento do pobo de Ourense a unha das persoas máis prestixiosas que deu esta provincia, sendo exemplo de como saíndo dun pequeno núcleo rural se pode chegar a ser unha referencia internacional no mundo de medicina grazas o tesón e a súa vocación por contribuír a mellorar a saúde das persoas como o ben máis prezado que posúe o ser humano.
Orzamento do Consorcio provincial do servizo contra incendios
Aprobouse inicialmente o orzamento do Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento para o exercicio 2024, conforme co proxecto aprobado polo Pleno do Consorcio o 22 de abril de 2024, por importe de 4.651.125,63 euros.
Expediente nº 2/2024 de modificación de créditos
Aprobouse inicialmente un expediente de modificación de créditos, mediante suplementos de créditos, e da modificación das bases de execución do orzamento da Deputación Provincial para o exercicio 2024, por importe de 61.000 euros. O orzamento desta modificación estará destinado a nove axudas de entre 3.000 e 10.000 euros, a entidades da provincia para a organización de eventos deportivos.
Expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito
Aprobouse tamén o expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos e a autorización para a súa imputación aos créditos de gasto do orzamento corrente de 2024, por importe total de 1.917.151,70 euros.
Convenio entre a Deputación, a CHMS e o Concello de Porqueira
Aprobouse o convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Deputación de Ourense e o Concello de Porqueira para a financiación e execución das obras de mellora de saneamento e depuración en cinco núcleos de poboación de Porqueira.
Estas obras suporán un investimento total de 1.285.000 euros, que serán financiados ao 80 % pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que achegará 1.028.000,00 euros, mentres que a Deputación de Ourense asumirá o 20 % do investimento (257.000 euros).
Modificación das bases do Plan provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais da Deputación
Aprobouse inicialmente a modificación das bases reguladoras do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais da Deputación de Ourense para o exercicio 2024.
Modificáronse as bases referidas á achega provincial e criterios de distribución e a que atinxe á Entidade Local Menor de Berán, polo que se incrementa a achega provincial inicialmente aprobada (14.031.215,50 euros) na cantidade de 2.993.784,55 euros, resultando unha achega total ao Plan provincial de cooperación de 17.025.000 euros.
Deste modo, distribuirase esa achega complementaria de 2.993.784,55 euros entre as entidades locais beneficiarias consonte cos criterios de reparto da asignación variable previstos.
Modificación puntual da Relación de Postos de Traballo da Deputación
Aprobouse definitivamente a modificación puntual da Relación de Postos de Traballo da Deputación de Ourense consonte coa emenda de data 19 de abril de 2024.
As modificacións propostas son de tipo organizativo e de valoración de postos, aínda que como principal novidade figura a reconversión do Gabinete de Asesoría Xurídica e Asistencia a Municipios nunha nova área de traballo, a novena no organigrama da Deputación de Ourense, reforzándoa con máis postos de traballo e competencias.
As novas funcións asignadas a esta área refírense á prestación dos servizos de asistencia, asesoramento e cooperación xurídica, técnica e económico financeira, así como dos servizos de Secretaría-Intervención aos municipios, entre outras.
Convenio de colaboración con Sandiás
Pola vía de urxencia aprobouse un convenio de colaboración entre as consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; a Deputación de Ourense; e o Concello de Sandiás para o peche e ampliación do pavillón polideportivo.
Cun investimento de 399.999,86 euros, ambas consellerías achegarán 90.000 euros cada unha delas en dúas anualidades: 30.000 euros este ano e os 60.000 restantes no seguinte exercicio.
A Deputación de Ourense, entre tanto, achegará 110.000, facéndose cargo ademais da contratación, seguimento e execución das obras.
Pola súa banda, o Concello de Sandiás, como titular das instalacións, achegará 109.999,86 euros nas condicións que se acorden coa Deputación.
MOCIÓNS
Estación ferroviaria de mercadorías en San Cibrao
Acordos:
Demandar ao Goberno de España, a través do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que inicie os trámites para a construción dunha nova estación ferroviaria de mercadorías no Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas.
Conexión de fibra óptica
Acordos:
- Instar ao Goberno de España a que se facilite unha cronoloxía das actuacións para levar a cabo para o despregamento da rede e quen a vai a realizar.
- Instar ao Goberno de España para que informe cando ten previsto chegar a cubrir as zonas escuras na provincia de Ourense.
- Instar ao Goberno de España a que facilite como se vai a resolver a problemática á hora de xestionar a conexión coas operadoras cando esta xa ten despregada a súa rede pero aos veciños lle indican que é “tecnicamente inviable”.
- Instar ao Goberno de España a que informe que ámbito territorial está previsto cubrir coa última convocatoria de axudas.
- Instar ao Goberno de España para que habilite un sistema de reclamacións para que os cidadáns poidan remitir as súas queixas e reclamacións de maneira clara e directa.
- Instar a Administración Xeral do Estado como administración competente, a garantir a cobertura de telefonía móbil en todos os núcleos de poboación da Provincia, así como na rede de estradas de titularidade Autonómica e Estatal.
- Instar á Deputación de Ourense, a todos os concellos da provincia de Ourense, aos departamentos da Xunta de Galicia (Dirección Xeral de Patrimonio e Axencia Galega de Infraestruturas, nomeadamente), confederacións hidrográficas e demais institucións e organismos que teñen a responsabilidade e obriga de emitir informes, permisos e licenzas sobre este particular, a axilizar os procedementos de concesión dos mesmos para non retardar o inicio dos traballos de execución dos proxectos.
Axudas para a compra e rehabilitación de vivendas para alugues ou uso social
Acordos:
- Engadir no orzamento da Deputación de Ourense do ano 2025 unha partida de 200.000 euros para subvencións a concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, en concorrencia competitiva, priorizando á municipios segundo o rango de reto demográfico, para a adquisición e rehabilitación de vivendas, compatibles con outras axudas relacionadas de outras administracións públicas.
- Reforzar a colaboración da Deputación de Ourense cos municipios de menos de 20.000 habitantes para os expedientes de declaración de ruína, expropiacións e adquisicións de vivendas.
Servizo provincial de atención as adiccións
Acordos:
- Que a Deputación de Ourense poña ao dispor dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia unha UNIDADE TÉCNICA ESPECIFCA EN MATÉRIA DE ADICIÓNS, na Área de Benestar, como xa dispón en materia de saúde laboral e que atenda as necesidades dos concellos e coordine coas entidades do terceiro sector, coas que xá colabora mediante achegas orzamentarias anuais, así como os convenios de colaboración que se podan asinar, para campañas de información, orientación e asesoramento.
- Que por parte desta unidade técnica se elabore o I Plan Provincial de Adicións da Deputación de Ourense que atenda aos concellos que demanden esta asistencia.
Mellora do mercado laboral na provincia de Ourense
Acordos:
A Depuración Provincial de Ourense promoverá a creación dun FORO SOCIOECONÓMICO OURENSÁN, coa participación de sectores empresariais (CEO, AJE, asociación de autónomas e autónomos), sindicatos de operarios e agricultores, administracións (Estado, Xunta e Deputación de Ourense) e Universidade para elaborar un documento de propostas para a mellora da situación do mercado laboral da provincia de Ourense. Os traballos e conclusións deste foro de traballo deberá aportar as súas conclusións no prazo máximo de 6 meses desde a súa constitución.