Xornada de campaña electoral en Trives e Maceda

  • O presidente provincial do PP afirmou que “as entidades locais –concellos e deputación- “coñecen a realidade do noso territorio, e somos quen de formular diante do goberno autonómico as propostas que precisamos para dar solucións ás nosas necesidades, sen atrancos como están a poñer outros representantes políticos na provincia contra os aliados necesarios para saír desta crise, como son os autónomos e as pemes”.
  • En Trives e Maceda, na compaña do tamén candidato José González, a cabeza de lista dos populares ourensáns, Marisol Díaz, pediu á veciñanza que o día 12 de xullo “non vos deixedes enganar por aqueles que só queren meter medo e minten cando poñen en dúbida a seguridade desa xornada”.

O presidente do Partido Popular, Manuel Baltar, pediu hoxe en A Pobra de Trives e Maceda, onde os populares celebraron senllos mítines, o apoio maioritario a Feijóo “para garantir desde a Xunta unha colaboración leal coas administracións locais”. Baltar afirmou que un dos sinais de identidade do PP “foi sempre a colaboración e a cooperación institucional, unha máxima que só se pode avalar desde a unidade do Goberno e non desde o caos”.

Manuel Baltar destacou que o PP de Ourense ven de defender que “este é o momento das persoas, o dixemos durante as fases máis duras da pandemia e seguirémolo afirmando, polo que as nosas políticas, máis que nunca, deben estar guiadas pola colaboración entre institucións para ser máis fortes e alcanzar a máis poboación”.

As entidades locais –concellos e deputación- “coñecen a realidade do noso territorio, e somos quen de formular diante do goberno autonómico as propostas que precisamos para dar solucións ás nosas necesidades, sen atrancos como están a poñer outros representantes políticos na provincia contra os aliados necesarios para saír desta crise, como son os autónomos e as pemes.

Para o presidente provincial, os populares de Ourense “sabemos o verdadeiro significado de palabra cooperación, non só en tempos difíciles, e proba disto, por exemplo, e o compromiso alcanzado entre Xunta e Deputación para a construción do Centro Galego de Innovación da FP”. Un proxecto, engadiu, “pensado polo interese xeral de Ourense, polo beneficio que terá para o fomento do emprego e o tecido empresarial da provincia”.

MARISOL DÍAZ DEFENDE A SEGURIDADE DOS COLEXIOS ELECTORAIS NO DÍA DAS VOTACIÓNS

En Trives e Maceda, na compaña do tamén candidato José González, a cabeza de lista dos populares ourensáns, Marisol Díaz, pediu á veciñanza que o día 12 de xullo “non vos deixedes enganar por aqueles que só queren meter medo e minten cando poñen en dúbida a seguridade desa xornada”.

Unha trintena de especialistas, subliñou Díaz, “percorreron xa todos os colexios electorais da provincia para garantir que o día da votación a seguridade estea plenamente garantida”.

Feijóo afirmou que os galegos “iríamos a votar no momento de maior certeza con respecto á pandemia e coas mellores condicións de seguridade –engadiu- e con ese obxectivo se convocaron estas eleccións e se traballa desde a administración autonómica”.

Marisol Díaz asegurou que os ourensáns, como o resto dos galegos, “queremos para o futuro un goberno que nos ofreza certezas e confianza, e nesta dramática experiencia que marcou as nosas vidas creo honestamente que fumos capaces de facelo”, lembrando que ata o coordinador de alertas sanitarias, Fernando Simón, cualificou como “excelente” a xestión en Galicia realizada por Feijóo e o seu equipo nesta pandemia.

A VÍA DA PRATA, UN DOS MÁIS IMPORTANTES ITINERARIOS XACOBEOS

Pola mañá, a cabeza de lista por Ourense, acompañada polos tamén candidatos Noelia Pérez, Antonio Rodríguez Miranda e Marta Rodríguez Vispo, realizaron unha visita ao tramo da Vía da Prata que discorre por Seixalbo.

Desde o mirador de Santa Águeda, Marisol Díaz cualificou este camiño como “un dos máis importantes itinerarios xacobeos, polas paisaxes e o patrimonio que atesoura, cun enorme potencial de crecemento, máxime cando existe unha tendencia á diversificación das rutas”.

A Vía da Prata, dixo, ademais de responder a unha oferta de desestacionalización e ser óptima para as rutas a cabalo ou en bicicleta, “está a captar un de cada catro peregrinos”, destacando os investimentos realizados desde a Xunta para potenciar este camiño, como o novo albergue de Ourense, o acondicionamento do albergue do mosteiro de Oseira, as instalacións de A Gudiña ou as obras de mantemento e sinalización realizadas por valor de dous millóns de euros”.