O secretario xeral da Emigración destaca que o próximo 2021 poderá aumentar o número de familias que opten a estes produtos ao aumentar a partida orzamentaria para este fin

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, anunciou que acaba de ter lugar unha nova recepción de medicamentos por parte da Hermandad Gallega de Venezuela que destinará, en colaboración co Centro Galego de Maracaibo, o de Puerto de la Cruz e a Hermandad Gallega de Valencia, a 1.017 galegos en situación vulnerable neste país americano.

Para a adquisión destes produtos, a Xunta de Galicia destinou 166.000 euros. O próximo ano, poderase ver aumentado o número de beneficiarios destes produtos, xa que a dotación para a compra destes medicamentos aumentará ata os 200.000 euros, de xeito que se poida afrontar as complexas situacións que están a vivir moitos galegos residentes en Venezuela a causa da difícil situación económica do país e da actual pandemia da Covid-19.

Esta actividade, promovida polo Goberno galego en colaboración coas entidades galegas no país suramericano, centra a súa actividade na entrega de medicamentos para as galegas e os galegos nados en Galicia e os seus fillos e fillas que carezan de recursos para acceder a eles.

Persoal administrativo das oficinas de atención social dos centros galegos, así como profesionais médicos, prestan apoio ás e os interesados en recibir axuda, tanto á hora de completar os trámites legais como á de recibir asesoramento en materia sanitaria.

“Con este programa facilitamos o acceso aos medicamentos e tratamentos médicos aos galegos residentes en Venezuela e os seus fillos e netos menores”, resaltou Miranda, quen lembrou que deste xeito se facilita o acceso a medicamentos para o tratamento de enfermidades crónicas ou patoloxías que revistan gravidade e requiran un sistema de distribución en modalidade de monodosis, a condición de que se acredite a carencia de medios económicos para acceder á súa compra. Como novidade, este ano, ademais, tamén se fixo entrega de insulina.