O BNG do Carballiño convida á veciñanza do concello e da comarca a participar nun acto aberto que terá lugar o vindeiro venres 17 de xullo, ás 20,30 horas, no barrio de Flores, concretamente na rúa Mirto, ao carón do bar “A Bodega”.
Esta iniciativa enmárcase na campaña que o Bloque Nacionalista Galego está a desenvolver por todo o país con motivo da celebración do Día da Patria Galega, o 25 de xullo, unha data de especial significado para o nacionalismo galego e para a reivindicación da identidade, da cultura e dos dereitos do pobo galego.
O acto estará centrado na música tradicional galega como expresión do patrimonio cultural do noso país. Contará coa participación da música Cris Asenjo, que ofrecerá unha actuación para as persoas asistentes, e será presentado polo militante do BNG do Carballiño Andrés Fernández.
Desde a organización destacan que este encontro pretende ser un espazo aberto de convivencia, participación e posta en valor da cultura popular galega, convidando á cidadanía a compartir unha tarde de música e celebración nun ambiente próximo e participativo. Así mesmo, o BNG anima especialmente a todas aquelas persoas que saiban tocar algún instrumento tradicional galego a que o leven consigo para sumarse ao remate do acto, que se converterá nunha foliada aberta e espontánea, poñendo o peche á xornada coa música como protagonista, tal e como corresponde a unha celebración destas características.
O BNG do Carballiño fai un chamamento á participación da veciñanza para compartir este acto festivo e reivindicativo, que forma parte das actividades previas á celebración do Día Nacional da Galiza.

















