Os deputados e deputadas ourensáns do Psdeg-Psoe no congreso destacan o ambicioso pulo e a fonda transformación que a nova lei de educación suporá para o ensino da provincia

“É unha lei que trata de transformar a visión de privilexios imposta pola lei Wert e que pon o foco na reforma do currículo educativo dun xeito compartido coas comunidades autónomas”, destacaron

Publicidade

Desmontaron os “bulos” da dereita con “campañas populistas” que só tratan de “manter os privilexios dalgúns” ou o “deterioro” do ensino público “para favorecer algúns intereses empresariais”

AUDIO Premer na Imaxe

Un ambicioso pulo da equidade e unha fonda transformación de progreso para o ensino da provincia de Ourense e de todo o estado español. O deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás; a deputada, Uxía Tizón; e o secretario provincial dos socialistas, Rafael Rodríguez Villarino, destacaron hoxe os grandes avances que a nova Lei Orgánica de modificación da LOE (LOMLOE) introducirá no sistema educativo, trala súa próxima aprobación definitiva nas Cortes Xerais co apoio expreso de, polo menos, cinco formacións políticas.

Pérez Abellás denunciou que “o PP e a estrema dereita situáronse fóra do debate desta lei do século XXI e o PP concretamente, que é un partido de goberno, en ningún momento apoiou á educación pública porque só lle interesou a privada-concertada”. “É unha lei que trata de transformar a visión de privilexios imposta pola lei Wert e que pon o foco na reforma do currículo educativo dun xeito compartido coas comunidades autónomas”, destacou.

O deputado destacou que “un dos piares básicos desta lei é a equidade porque nin segrega nin exclúe a ninguén”, unha aposta lexislativa “ambiciosa” e “histórica”, aseverou, porque “está acompañada dunha partida orzamentaria sen precedentes na historia deste país con case 5.700 millóns de euros”. Abellás detallou, entre outras novidades, o incremento dun 22 % dos fondos adicados a becas; a recuperación da educación infantil entre os 0 os 3 anos como servizo público que se regulará mediante real decreto; a dixitalización; o pulo á escola rural e os dereitos dos e das estudantes deste ámbito; ou a inclusión en todas as etapas educativas, incluso nas non obrigatorias.

Tizón desmontou os principais “bulos” que a dereita e a estrema dereita están a difundir. “Con respecto á educación concertada pretende unha maior transparencia reforzando a función social da educación sostida con fondos públicos” polo que “a campaña populista contra a lei non representa a toda a concertada e só é daqueles que pensan que van perder privilexios”, explicou antes de sinalar que “acabouse deteriorar a educación pública para favorecer só a concertada”. “Os recortes do PP no sector público foron dez veces superiores aos que aplicaron no sector da concertada”, denunciou.

A deputada recordou que a LOMLOE “non altera o mecanismo de elección das familias, pero garante que os fondos públicos non sirvan para segregar ou seleccionar familias”. Así mesmo negou a “falta dunha cultura relixiosa” o que cualificou como unha “mentira” xa que si se mantén o ensino de relixión “sen os privilexios que lle atribuíu o PP”. Tampouco van desaparecer os centros de educación especial xa que “se facilitará a liberdade de elección das familias a través dun sistema inclusivo”, tal e como recomendou a ONU a España, co “interese superior do menor” sempre como obxectivo primordial.

Tizón tamén desmentiu a suposta marxinación do castelán no articulado: “a LOMLOE é respectuosa co marco constitucional e no reparto de competencias coas comunidades autónomas, fronte a lei Wert que recentralizou a educación usando as linguas de España como arma arroxadiza no ensino”.

Pola súa banda, Villarino proclamou que a lei impulsada pola ministra Celáa “é beneficiosa para todos e todas” fronte a un PP “que se retratou a si mesmo opoñéndose a calquera tipo de diálogo e intentando impoñer como fai sempre”. “O PSOE sempre buscou o diálogo, agora unha vez máis”, remachou fronte a un PP “que primou os seus valores tradicionais como manter a segregación por sexos e clases sociais, avogar só pola educación privada desatendendo á pública e á concertada, e animando ás comunidades autónomas gobernadas por eles a rebelarse contra a lei, algo inaudito en Europa”.

“Hai que darlle a benvida a esta nova norma educativa que se acompaña de algo indispensable como son recursos económicos” e que está fundamentada en dous principios clave como son “equidade e progreso”, concluíu.