O BNG denuncia que a Xunta castiga Verín nos orzamentos e avanza emendas para blindar a sanidade e impulsar o polígono de Tamagos

Presas e Lourenzo, acompañados de portavoces municipais da comarca, comprometeron partidas para mellorar o saneamento, impulsar a denominación de orixe e apostar polo comercio de proximidade.

 A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, compareceu en rolda de prensa acompañada por Diego Lourenzo, Tenente de Alcalde de Verín; Puri Caldelas, concelleira de Medio Ambiente do Concello de Verín; Perfecta Losada, concelleira concello Oimbra e Pepe Barxa, concelleiro de Castrelo do Val.

AVANTAR ACTIVIDADES

A nacionalista remarcou que “o Partido Popular de Núñez Feijoo castiga Verín nestes orzamentos, xa que o único investimento específico que recolle é unha partida claramente insuficiente de 294.000€ para a ampliación do Hospital de Verín que non dá nin para comezar e que o BNG propón triplicar ata un millón de euros.

As nacionalistas insisten en que “a sanidade debe ser unha prioridade e nestes orzamentos nin sequera incrementa na mesma media que o fai o conxunto, polo que o BNG incluirá tamén partidas de apoio á atención primaria e incremento de persoal, para evitar o que está acontecendo por exemplo en todo Ourense coas carencias de radioloxía.

Para Presas “outra das débedas históricas coa comarca de Monterrei que non pode aprazarse nin un día máis é o impulso definitivo ao polígono de Tamagos, nun contexto onde falta chan industrial noutras zonas saturadas como Pontevedra e no que vemos como moitas empresas de matriz galega se desprazan a Portugal porque teñen mellores oportunidades e mellores condicións para dispoñer de chan industrial. Monterrei non pode ofertar o que non ten, e non o ten pola paralización sectaria do PP que aposta noutras zonas”.

Neste sentido, Lourenzo Moura recordou que “durante o bipartito BNG-PSOE na Xunta, a Consellaría de Vivenda e Solo puxo en marcha o proxecto do Polígono Industrial de Tamagos. No ano 2008 a propia Consellería xa adquire por mutuo acordo coa propiedade das parcelas, aproximadamente o 75% do solo, aprobando a Consellería, a través de Xestur Ourense, 13,3 millóns de euros para a mencionada compra. Posteriormente, no ano 2011 (xa con un goberno popular), o Proxecto Sectorial do Parque Empresarial de Tamagos foi aprobado por acordo do Consello da Xunta de Galiza e a súa execución está prevista en tres fases, paralizadas desde entón, transcorridos máis de nove anos dende a aprobación, a Xunta de Galiza non ten iniciado as actuacións necesarias para poñer en marcha este Parque Empresarial, cuxo desenvolvemento é unha prioridade no actual contexto e constitúe un elemento estratéxico pola súa situación para o desenvolvemento económico do Concello de Verín e mesmo do conxunto da comarca”.

As emendas do BNG tamén comprometerán partidas necesarias como o impulso ás Denominación de Orixe, o apoio ao comercio de proximidade e a Mellora integral da rede de saneamento que afecta a Verín, Monterrei, Castrelo do Val e Oímbra para corrixir as carencias da rede actual, cun exceso de filtracións o que leva a que na depuradora entre o dobre de auga da que a depuradora está preparada para filtrar.