Fabiola García asegura que o novo modelo de residencias será participativo, consensuado e integrador

A conselleira de Política Social, Fabiola García, participa por videoconferencia na reunión inaugural do Comité Asesor Sociosanitario.

A conselleira de Política Social participou hoxe da reunión inaugural do Comité Asesor Sociosanitario, que se encargará de elaborar as liñas mestras deste proxecto

Contará coas achegas do persoal médico e de enfermería, dos directores e traballadores non sociosanitarios, dos académicos e investigadores, dos arquitectos e dos familiares de usuarios

AVANTAR ACTIVIDADES

Asegura que deberá sustentarse sobre tres piares: as potencialidades da tecnoloxía, a mellora das estruturas arquitectónicas e unha maior coordinación sociosanitaria

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurou esta mañá que o novo modelo de residencias será participativo, consensuado e integrador. Fíxoo durante a reunión inaugural do Comité Asesor Sociosanitario, que será o encargado de marcar as liñas mestras polas que transcorrerá o futuro do sector e que permitirá seguir avanzando cara un maior benestar das persoas maiores usuarias.

Fabiola García agradeceu aos participantes na reunión a súa implicación e a achega de xeito totalmente voluntario da súa experiencia e coñecementos. Neste sentido, apuntou que o novo modelo precisa do punto de vista de todos os axentes implicados: do persoal médico e de enfermería; dos directores e traballadores non sanitarios; dos académicos e investigadores; dos arquitectos; e, naturalmente, dos familiares de usuarios.

Así mesmo, a conselleira sinalou que este novo modelo debe sustentarse sobre tres pilares fundamentais: apostar polas potencialidades da tecnoloxía e poñela ao servizo da calidade de vida das persoas usuarias; explorar melloras estruturais e arquitectónicas que permitan optimizar a atención en todas as circunstancias; e o imprescindible avance na coordinación entre o eido social e sanitario.