As oficinas integrais de asesoramento e seguimento ao retorno en Galicia acompañaron en 2020 a case 3.500 familias chegadas a Galicia nos últimos anos

  • O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou xunto ao delegado da Xunta en Ourense, a oficina situada na cidade do Miño e que dispón de persoal especializado para acompañar persoalmente aos galegos do exterior en todo o seu proceso de retorno
  • En 2019 retornaron a Galicia 6.574 galegos, convertendo a Galicia na comunidade autónoma con maior índice de retorno sobre as persoas que entran no país
  • Na provincia de Ourense atendéronse 1.078 consultas que afectaban ao entorno laboral, educativo e social destas familias

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, realizou recentemente unha visita á Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno situada na cidade do Miño, comprobando a labor realizada ao longo destes meses para acompañar e axudar aos galegos do exterior que decidiron retornar a Galicia e comezar unha nova vida.

Estas oficinas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e contan con persoal especializado que se encarga de informar e asesorar aos galegos do exterior cara a favorecer o retorno, así como de acompañar aos galegos retornados e aos seus familiares. Tamén explican tódolos programas da Secretaría Xeral da Emigración dirixidos á diáspora, así como comunican os temas relacionados con educación, formación, laboral e social, e mesmo, no caso dos familiares con outra nacionalidade, tamén asesoran no eido da estranxeiría, ofrecendo apoio continuo, tanto presencial coma telemático.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ao longo de 2019, as oficinas integrais das catro provincia asesoraron a un total de 3.442 familias, interesadas en coñecer as liñas de apoio coas que a Xunta de Galicia conta para axudarlles a  consolidar o seu regreso, así como os canais existentes para homologar estudos, facilitar a tramitación da documentación persoal e a presentación de solicitudes de subvencións e prestacións.

Así, en total, realizáronse 12.369 consultas, das cales, 2.255 estaban relacionadas con temas educativos (escolarización de menores, formación regrada, formación para o emprego, homologación de estudos…); 5.659 tiveron que ver con temas sociais como asistencia sanitaria, autorizacións de residencia, axudas económicas, prestacións ou vivenda; 2.912 tiñan que ver con temas laborais como información acerca do emprego por conta allea ou axudas ao autoemprego, e finalmente, 1.543 cuestións tiñan relación con outros trámites.

Por provincias, en Ourense contabilizáronse 1.078 (dos cales, 150 foron cuestións educativas, 500 sociais e 278 laborais); Pontevedra concentrou un total de 2.153 consultas (dos cales, 563 foron cuestións educativas, 984 sociais e 475 laborais); A Coruña tivo 8.441 (dos cales, 1.398 foron cuestións educativas, 3.888 sociais e 1.998 laborais); e finalmente en Lugo houbo 697 (dos cales, 144 foron cuestións educativas, 287 sociais e 161 laborais.

A posta en marcha destas oficinas forma parte da Estratexia Retorna que está a desenvolver o Goberno galego cun orzamento global de máis de 235 millóns, dos que máis de 15 abarcan medidas específicas de fomento do retorno.

“As cifras indícannos que imos polo bo camiño: o 2019 continuamos tendo crecemento do retorno, con 6.574 galegos que volveron á súa terra, o que sitúa o total da lexislatura por riba dos 24.700 retornados”, salientou o secretario xeral que, neste marco, puxo en valor a importancia dunha infraestrutura que permitirá “acompañar persoalmente aos galegos do exterior en todo o proceso de retorno”.  

Finalmente, e ante o inicio do Ano Santo, o secretario xeral destacou que o emprazamento da oficina de Santiago ten un importante contido simbólico para o 2021, xa que se atopa situada no edificio que foi o Pavillón de Galicia na Expo 92, ‘Edificio Xacobeo’: “Daquela ensinou ao mundo o que era Galicia, e agora permitirá orientar aos galegos do exterior na súa volta á casa”.