A Área Sanitaria de Ourense inicia mañá a vacinación de 2.500 sanitarios

A primeira ronda da campaña de vacinación está case rematada na provincia, despois de subministrar a primeira dose a máis de 9.000 persoas entre usuarios e traballadores das residencias sociosanitarias. Ourense convértese así nunha das provincias do país con maior porcentaxe de doses inxectadas, por riba do 90% previsto. A comunidade galega superaba onte o 80% de vacinación, entre as tres primeiras de toda a península. A Xunta informaba hoxe da recepción de máis doses na xornada de onte, valorando moi positivamente como se está levando a cabo esta campaña.

Case rematada esta primeira ronda, a área sanitaria xa prepara o dispositivo de vacinación contra a covid entre os sanitarios, que empezará xa mañá, cunha previsión inicial de vacinación de 2.500 persoas. O xerente da área sanitaria, Félix Rubial, aseguraba que se espera unha “altísima” taxa de participación.

AVANTAR ACTIVIDADES

O segundo turno da primeira fase de vacinación iniciarase o 18 de xaneiro, tal e como explicou Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, trasladou hoxe unha mensaxe de ánimo ós profesionais de todas as residencias de Galicia para afrontar a recta final da vacinación para todos aqueles que están libres de brotes importantes. Agradeceu o traballo realizado por eles durante este tempo e sinalou que é importante que nestas semanas extremen as precaucións.