O subdelegado do Goberno mantén o último encontro de traballo co tenente coronel José Fermín Díaz Silva

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, mantivo un encontro esta mañá co tenente coronel da Garda Civil, José Fermín Díaz Silva, quen neste mes de xaneiro se despide do seu posto de xefe interino de Operacións na Comandancia de Ourense.

Publicidade

No encontro, Emilio González felicitou ao tenente coronel Díaz Silva polo seu ascenso e agradeceu, en nome do Goberno e no seu propio, o traballo, esforzo e compromiso amosados dende a súa incorporación á Comandancia de Ourense no ano 2017.

Así mesmo, Emilio González salientou que durante o seu período á fronte da Subdelegación do Goberno a relación institucional, de coordinación e de colaboración coa Garda Civil na provincia vén sendo excelente e agradeceu o enorme traballo e esforzo que están realizando as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado dende o pasado mes de marzo para “protexer a saúde da cidadanía e velar polo correcto cumprimento das diferentes medidas postas en marcha para frear os contaxios pola COVID-19”.

O subdelegado do Goberno desexoulle ao tenente coronel José Fermín Díaz Silva, natural de Castellón, os maiores éxitos no seu novo destino na Comandancia de As Palmas de Gran Canaria.