ABANCA e o Concello do Carballiño presentan ata o próximo 7 de febreiro a exposición «Fillos do océano», unha síntese das mellores imaxes que o fotógrafo Javier Tenente tomou nunha viaxe por comunidades pesqueiras tradicionais de todo o mundo. Na apertura da mostra, que tivo lugar hoxe ás 12.00 h, estiveron presentes o concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso; e a coordinadora institucional de Afundación para Lugo e Ourense, Beatriz Fernández- Anguiano.

Tanto o concelleiro coma o coordinador de Abanca fixeron fincapé en invitar a todos a ver esta mostra e apostar pola cultura nestes tempos tan difíciles.

A mostra pode visitarse na Casa do Concello de luns a sábados en horario de 09.00 a 14.00 h. Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural» que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo.

A mostra constitúe unha homenaxe a todos eses pescadores que viven do mar e para o mar e obteñen del todo o necesario para a súa supervivencia. Tamén é unha chamada de atención e de concienciación social a favor da preservación dos ecosistemas mariños, para que se regulen tanto as pesqueiras coma a contaminación marítima.