Antigüidades, coleccionismo e vintage na 5ª edición de Antiq Auria, en Expourense

35 anticuarios de España, Portugal e Suíza propoñen unha viaxe ao pasado a través de miles de obxectos

A quinta edición da Feira Internacional de Antigüidades, Antiq Auria, abriu as súas portas esta tarde en Expourense ofrecendo ao visitante unha viaxe ao pasado afastado (con pinturas e pezas de arte sacra do século XVIII e XIX) ata o pasado máis recente da década dos 80 e 90 do século XX. Un total de 35 expositores de España, Portugal e Suíza ofrecen miles de obxectos de todos os prezos, tamaños, gustos e épocas nunha cita organizada pola Asociación “Memoria Antiga” coa colaboración de Expourense e da Deputación provincial de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

Todos os obxectos expostos pódense englobar nas categorías de antigüidades, coleccionismo ou vintage pero resulta complicado elixir o sector máis representado porque, facendo un percorrido polo recinto, pode concluírse en que hai absolutamente de todo. Entre as pezas máis significativas pode atoparse desde o “baúl da corista” por 1.000 euros, unha fonte/pozo completamente de bronce que supera os 6.000 euros ata cadros do Mestre Palmeiro, de Quessada ou de Díaz Pardo por prezos que superan os 9.000 euros. Pero a gran maioría dos obxectos son discos, libros, cerámica de Sargadelos ou Castro, xoguetes ou xoias que se puedenj atopar a partir de poucos euros.

Esta cita conta cun alto índice de fidelidade por parte dos expositores, xa que máis do 80% participou en todas as edicións celebradas ata o momento. O público está a responder á chamada dos anticuarios e xa desde primeira hora podía verse bastante ambiente na feira, chamando a atención a presenza de visitantes moi novos.

No referente ás antigüidades propiamente ditas (obxecto con máis de 50 anos) poden atoparse como xoguetes, teléfonos, reloxos, mobles, xoias, utensilios de prata, porcelanas, etc. Na sección de coleccionismo pódese atopar

numismática, filatelia ( albumes completos de selos de países como Xapón ou Cuba por 15 euros), obxectos militares e relixiosos, etc. Por último, esta cita conta tamén cunha área reservada para os afeccionados aos obxectos vintage ( sec. XX), que se converteron nunha moda e nun referente á hora de decorar fogares ou negocios.

Durante esta primeira tarde o salón recibiu a visita do vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; da presidenta da CEO, Marisol Novoa, e da representante da Asociación de Mujeres Empresarias, María Cabanelas, que fixeron un percorrido pola feira acompañados polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e o cofundador de Memoria Antiga, José Antonio Ferreiro.

O horario de apertura será mañá sábado 16 de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 h. e o domingo 17 de outubro de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.30 h. A entrada ten un custo de 2 euros e é gratuíta para menores de 12 anos.

Poxa o domingo

Durante esta quinta edición repetirase a “gran poxa” que terá lugar o domingo 17 pola mañá a partir das 12.00 h. Cada expositor cederá un obxecto para poxar entre o público asistente e cada un deles terá un prezo de saída de 5 euros. “Trátase dunha boa oportunidade para facerse con pezas únicas a moi bo prezo”, explican os organizadores. Ademais, para premiar a fidelidade dos visitantes, está a sortearse entre todos eles un espello tocador dos anos 40.

Exposición Dinosauros

Ademais de Antiq Auria, as instalacións de Expourense acollen mañá e pasado a exposición interactiva “ Discovering Dinosaurs”. Estas dúas actividades combinadas poden supoñer un bo plan familiar para esta fin de semana.