O delegado territorial da Xunta en Ourense Gabriel Alén reúnese coa presidenta de Femuro

O delegado territorial agradeceulle á presidenta de Femuro o labor que está a levar a cabo esta asociación nos eidos da promoción da igualdade de oportunidades e o desenvolvemento das mulleres rurais en todos os ámbitos

O representante do Goberno galego lembroulle que a Consellería de Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, ven asinando dende o ano 2018 un convenio de colaboración coa Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense para o desenvolvemento de accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e apoio ás súas vítimas, ao que no ano 2020 destinou 20.000 euros

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén, sinalou que “coa concesión por parte da Xunta de Galicia da Medalla Emilia Pardo Bazán, recoñécese o labor que as premiadas desenvolven ou desempeñaron a favor da igualdade entre homes e mulleres para construír unha sociedade máis igualitaria baseada nos principios de igualdade, xustiza e solidariedade”

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, dentro súa rolda de encontros institucionais trala toma de posesión como novo representante da administración autonómica na área territorial, recibiu esta mañá á presidenta da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro), Mª Isabel Garrido.

O delegado territorial agradeceulle á presidenta de Femuro o labor que está a levar a cabo esta asociación nos eidos da promoción da igualdade de oportunidades e o desenvolvemento das mulleres rurais en todos os ámbitos, na procura da plena exposición das súas capacidades persoais e económicas e a súa integración na vida pública, e na loita pola erradicación da violencia sufrida pola muller a nivel moral ou material e no fomento da súa inserción laboral.

Deste xeito, o representante do Goberno galego lembroulle que a Consellería de Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, ven asinando dende o ano 2018 un convenio de colaboración coa Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense para o desenvolvemento de accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e apoio ás súas vítimas, ao que no ano 2020 destinou 20.000 euros.

Froito dese traballo constante, minucioso e solidario, sinalou Gabriel Alén, “foi a concesión por parte da Xunta de Galicia da Medalla Emilia Pardo Bazán, coa que se recoñece o labor que as premiadas desenvolven ou desempeñaron a favor da igualdade entre homes e mulleres para construír unha sociedade máis igualitaria baseada nos principios de igualdade, xustiza e solidariedade”.

O delegado territorial manifestou que “coas Medallas Emilia Pardo Bazán outórgase un recoñecemento público ás medidas desenvolvidas en Galicia en prol da igualdade efectiva”; e engadiu que “a concesión das mesmas axuda á sensibilización social, á visibilización dos talentos e das capacidades das mulleres e para que se recoñeza a traxectoria vital e profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar as discriminacións de xénero e coa construción dunha sociedade máis igualitaria”.

A Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) naceu no ano 1998 e conta na actualidade con 64 entidades de mulleres rurais asociadas, distribuídas por toda a provincia, o que lle imprime unha base social ampla e variada e se traduce en miles de mulleres beneficiarias das súas actividades. Forma parte do Consello Social Provincial de Ourense e do Consello Galego de Benestar.