Afundación amplía ata finais de mes a exposición antolóxica de David Rubín na súa sala de Ourense

O artista ourensán é un dos historietistas españois de maior proxección internacional nos últimos anos

Afundación, a Obra Social de ABANCA, ampliará ata o vindeiro domingo 31 de xaneiro a posibilidade de visitar a mostra «Sacrificio e ascensión. 15 anos de cómic de David Rubín» na súa sala de exposicións de Ourense, que esta tendo unha gran acollida por parte do público, sumando máis de  3500 visitantes na propia sala, cifra especialmente significativa tendo en conta o actual contexto sanitario. Así mesmo, preto de 900 persoas achegáronse á súa recreación virtual  con realidade aumentada, albergada na páxina WEB da Obra Social de ABANCA e máis de 700 percorreron a través do documental que recolle en Afundación TV unha visita guiada polo artista, dispoñible en galego, castelán e inglés. A exposición, comisariada por Asier Mensuro, pode visitarse de luns a venres de 17.30 h a 20.30 h e sábados, domingos e festivos de 12.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.

AVANTAR ACTIVIDADES

«Sacrificio e ascensión. 15 anos de cómic de David Rubín» percorre de maneira antolóxica as diferentes etapas, influencias e series desta gran figura da ilustración, partindo dos seus primeiros traballos en Galicia para acabar cos últimos no mercado americano. David Rubín (Ourense, 1977) é un dos historietistas españois máis recoñecidos nos últimos anos. É cofundador do colectivo Polaqia, formado por historietistas de Galicia e este ano foi candidato a catro premios Eisner en catro categorías diferentes.

Así mesmo esta mostra sitúa a Afundación como unha das institucións pioneiras na aplicación de novas tecnoloxías de realidade aumentada tanto na propia sala de exposicións como na visita virtual albergada na súa páxina web. «Sacrificio e ascensión. 15 anos de cómic de David Rubín» permite a quen a visite, , nestas dúas modalidades, acceder a todo o proceso creativo conducente a algunhas das pezas da mostra. A través da AR ( Augmented Reality), habilitada para a súa descarga a teléfonos móbiles nas iconas en sala e virtuais, ven os diferentes bosquexos e procedementos de preparación de capas que permiten comprender a transformación que experimenta toda produción artística. Con esta aplicación, Afundación promove que as visitas ás salas de arte sexan unha experiencia para descubrir moito máis do que parece exposto a primeira ollada e que sexan accesibles desde calquera lugar do mundo con conexión a Internet.

DAVID RUBÍN E A SÚA PROXECCIÓN INTERNACIONAL

Esta mostra coincide no tempo co momento de triunfo de David Rubín na meca do cómic, o mercado estadounidense. Desde uns duros comezos en que o cómic era unha paixón, máis que un traballo, ata o momento actual, en que deveu nun dos historietistas máis solicitados do panorama internacional, esta é a exposición máis extensa realizada sobre este autor, con máis de 230 obras, en que se reflicten todos os seus fitos creativos. Ademais de plasmar a súa evolución como artista, na exposición figuran moitos dos seus debuxos animados en realidade aumentada, podendo descubrir todo o proceso do seu traballo para achegarnos pouco máis a esta arte: bosquexos, entintados, colorado e deseños finais. Pódese gozar, tamén, dun mural que o propio artista deseñou ad hoc na sala, xunto a un audiovisual que mostra os pasos desta creación.

Na súa primeira etapa como profesional destacan títulos como A tetería do oso malayo ou Caderno de tormentas; pero non é ata El Heroe cando consegue o éxito nacional e internacional, xa que se publica no estranxeiro, abríndolle a porta a outros mercados. Séguelle Beowulf, outra obra sobresaliente que o confirma como un dos autores fundamentais do panorama actual. Comeza, así, a traballar para o mercado americano en series como Aurora West, A Ficción, Ether ou Sherlock-Frankenstein, combinando devanditos traballos con outros realizados directamente para o mercado español, como Gran Hotel Abismo ou Lume, o seu último proxecto, aínda en desenvolvemento, que verá a luz en 2021 da man da editorial Astiberri.

As imaxes desta mostra están dispoñibles en:

https://drive.google.com/drive/u/2/folders/14nuypTnh74kw7lGaBoYW9ewf-ayPaZSf