O Círculo de Podemos en O Carballiño pídelle ao Goberno Local un maior compromiso na loita contra as violencias

A responsable de feminismos da formación, Alba González, sinala que “o baixo nivel de execución dos fondos do Pacto do Estado deixa en evidencia que dende o Concello non se están a poñer todos os esforzos”.

O pasado 10 de decembro o BOE publicaba a resolución de transferencias para o desenvolvemento de novas ou ampliadas competencias reservadas  ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero  para o  exercicio 2020.  No  caso  do  Concello  de  O  Carballiño o  importe asignado é de 5.497,93 € pero, sen embargo, os fondos a transferir serán dun total de 3.432,79 € posto que existe un remanente compensable dos fondos de 2018 dun total de 2.065,14 € que o Goberno Local non chegou a executar.

AVANTAR ACTIVIDADES

O Círculo de Podemos do Carballiño defende o Pacto de Estado contra as Violencias Machistas como unha ferramenta fundamental para erradicar as violencias  que se exercen contras as mulleres e acadar unha sociedade igualitaria. Nese senso, a responsable de feminismos do círculo, Alba González, indica que “os Concellos, como institución máis próxima, teñen a capacidade e a responsabilidade de poñer todos os recursos e participar na construción dunha sociedade libre de violencias”

Segundo expón Alba González, o Círculo de Podemos “lamenta a falta de compromiso que reflicte o feito de que o Concello deixara de executar 2.065,14  € procedentes das transferencias realizadas polo Ministerio de Igualdade e correspondentes á partida do Pacto do Estado asignada ao noso Concello dos fondos do 2018”.

Continúa a responsable de Igualdade do Círculo explicando que “probablemente  o baixo nivel de execución se deba á falta de hábito previo do Concello de O Carballiño na realización de políticas contra as violencias machistas” e compara os datos municipais cos doutros concellos similares en poboación  que chegaron ao 100% de execución porque “xa existía un traballo continuado en políticas contras as violencias machistas e un criterio de investimento dos fondos”.

O Círculo de Podemos rexistrará unha petición de información ao Concello para que o Goberno  Local detalle as accións  a realizar cos fondos  correspondentes  a 2020  e recórdalle que o prazo de execución vai do 1 de xullo de 2020 ao 30 de xuño de 2021, polo que insta ao Goberno a que “a situación non se repita”.