A primeira vacinada de Galicia, Nieves Cabo, xa conta ca segunda dose administrada

Nieves Cabo Vidal recibe a segunda dose da vacina contra a covid-19 que comeza a dispensarse na residencia de maiores Porta do Camiño de Santiago de Compostela. 17 de xaneiro de 2021

A primeira galega en recibir a vacina fronte á covid-19, Nieves Cabo Vidal, usuaria da residencia Porta do Camiño de Santiago de Compostela, foi a primeira en recibir onte a segunda dose, ás 08:23 horas. Ademais, foi a primeira persoa en España que completou o proceso de inmunización.

Publicidade

Pola súa parte, a enfermeira que vacinou a Nieves nas dúas ocasións, Yolanda Moares, foi onte tamén a primeira sanitaria en recibir a segunda dose da vacina fronte á covid-19 en Galicia. A directora desta residencia, Vanesa Castro, amosou a satisfacción por ser os primeiros en recibir a vacina.

O 94% das residencias galegas recibiron xa a primeira dose. Espérase que a segunda volta desta campaña estea finalizada a finais do mes de xaneiro ou principios do mes de febreiro. Despois de inmunizar ó grupo de residencias de maiores e sanitarios de primeira liña, a campaña seguirá co resto do persoal sanitario, que o fará a partir do día 10 ou 12 de febreiro. O seguinte grupo serán os grandes dependentes, a partir de principios de marzo.