O grupo socialista critica que as concesións do concello de Ourense permanezan en precario mentres que o goberno de Jácome si foi quen de levar a pleno as luces de nadal en agosto

A edil do PSdeG María Fernández lembrou que “no ano 2014, o custe dos servizos públicos municipais era de, aproximadamente, uns 18 millóns de euros. Na actualidade estamos a aboar arredor de 30 millóns de euros”

É evidente que, máis tarde ou máis cedo, Jácome vai empregar esta situación de precariedade contractual para deixar morrer certas concesións que considera que non lle reportan rédito político”, advertiu o edil J. Á. Vázquez Barquero

AVANTAR ACTIVIDADES

O grupo municipal socialista incidiu, en rolda de prensa esta mañá, en que os servizos das oito concesións que se están a prestar se ofertan en precario, co custe para o erario público que iso supón, e que só responde a unha deixadez por parte do goberno local. “Se facemos memoria, unha das primeiras cousas que levou a cabo este executivo foi contratar o alumeado de Nadal, que non se pode comparar co que custa o servizo de auga pero si que serve de exemplo, tendo os pregos elaborados en xuño mentres estaba en funcións porque houbo eleccións municipais en maio. Presentáronse ao Pleno o 1 de agosto, é dicir: cando lles interesa a Administración non é un obstáculo“, espetou a edil María Fernández.

“No ano 2014, que podería establecerse como o último no que se aprobaron uns orzamentos logo da caída do capítulo 1 de persoal, o custe dos servizos públicos municipais que se prestaban neste réxime era de, aproximadamente, uns 18 millóns de euros. Na actualidade estamos a aboar por eles arredor de 30 millóns de euros”, advertiu amosando a diferenza da contía que é case do dobre.

As e os socialistas engadiron que ter as concesións en precario tamén supón que, ao non estar avaladas por un contrato, as empresas reclamen que se pague o custe do servizo conforme ao prezo que eles estipulan como o de mercado e que se produzan situacións como a desta semana con respecto ao ditamen do Consello Consultivo. “Algunhas empresas reclaman, no Xulgado e noutros órganos, porque non se está a pagar o que corresponde”, explicou a edil sobre o incremento do gasto e a diminución da calidade dos mesmos ao non estar o Concello de Ourense en condicións de reclamar como se presta sen un contrato actualizado.

Así as cousas, lembraron que xusto antes de ser alcalde, no ano 2018, o propio Gonzalo Pérez Jácome “puña o grito no ceo” con respecto ao rexedor naquel momento “porque era absolutamente incapaz de licitar estas concesións”. “Puxo a situación en mans da Fiscalía, que a admitiu a trámite e solicitou información. A situación actual é moitísimo peor que aquela xa que todas as concesións se atopan en precario, agás a de axuda a domicilio que está en prórroga”, recordou puntualizando que por aquel entón o líder de Democracia Orensana dicía que non se lle podía botar a culpa aos empregados e empregadas públicas, nin á oposición, porque era unha responsabilidade exclusiva do grupo de goberno. “Por que eles non son agora quen de licitar ningunha das concesións?”, expuxo a socialista.

Tamén amosaron as e os concelleiros a súa inquedanza polo servizo de axuda a domicilio que se atopa en prórroga e no mes de novembro entrará en precario. “Preocúpanos que unha mañá amaneza e o alcalde de Ourense diga que se ocupe a Xunta de Galicia e ata que non cheguen a un acordo de quen ten as competencias todas as persoas queden desatedidas”, argumentou.

Pola súa banda, o edil José Ángel Vázquez Barquero insistiu en que se as concesións están en precario estase a incumprir a lei de contratos do Estado porque, se ben a lexislación contempla a posibilidade das mesmas, non poden ser a norma: só unha excepcionalidade. “Pasamos dunha situación circunstancial ou coxuntural a unha que amosa ser ‘cuasi’ permanente. Eu aventuraríame a dicir que hai unha falta de capacidade de xestión administrativa cuxos responsables son o rexedor e o seu equipo. Non son os funcionarios e funcionarias nin o resto dos partidos”, sostivo ante os medios de comunicación.

“Tiveron a posibilidade de negociar en varias ocasións os orzamentos coa oposición e non o fixeron. Mesmo neste mandato enchéuselle a boca ao alcalde dicindo que no mes de febreiro teríamos un borrador enriba da mesa e estamos en abril sen nada”, subliñou.

“É evidente que, máis tarde ou máis cedo, Jácome vai empregar esta situación de precariedade contractual para deixar morrer certas concesións que considera que non lle reportan rédito político, como o servizo de axuda no fogar. Ademais de estar pagando máis por uns servizos que deberían estar actualizados e contratarse por un proceso de concorrencia competitiva onde diversas entidades e empresas presenten as súas ofertas e propostas” rematou concisamente, deixando a porta aberta a que se trate dunha situación de interese para o rexedor e chamando á Xunta de Galicia a intervir para restablecer a legalidade no Concello de Ourense.