A Xunta renova o seu apoio ao festival Rogelio Groba, que se celebra desde o 14 ao 20 de agosto

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta a nova edición que reunirá unha decena de intérpretes de distintas partes do mundo

Recorda que, no marco do impulso á música sinfónica no Xacobeo 21-22 cun investimento de máis de 1M€, o Goberno galego tamén apoia a esta entidade

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta de Galicia apoia un ano máis a celebración do festival Rogelio Groba, que encherá Ponteareas de música clásica entre o 14 e o 20 de agosto. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da novena edición desta iniciativa que reunirá preto dunha decena de intérpretes de distintas partes do mundo.

Como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, trátase dunha proposta que ano a ano demostra o potencial de Galicia na música sinfónica e a capacidade creativa neste xénero musical. “É un festival impulsado polo compositor galego egrexio Rogelio Groba, no que cremos desde hai anos, polo que na Xunta de Galicia vimos apoiando cada edición e entre todos garantimos a súa continuidade”, expresou.

Anxo M. Lorenzo enmarcou este novo impulso no traballo que está a facer o Goberno autonómico para potenciar a música clásica na programación do Xacobeo 21-22. Neste sentido recordou que, cun investimento global de 1M€, está a levar a cabo un proxecto de apoio a diferentes orquestras e entidades galegas, entre as que se atopa a Fundación Rogelio Groba. Como expresou, ademais de apoiar este festival, a Xunta colabora este ano “de xeito decidido e extraordinario” con esta orquestra impulsando concertos de cámara en 10 localidades galegas e a edición de dous discos especiais.

Nestas propostas haberá tamén música de compositores galegos, facendo especial incidencia na obra do mestre Rogelio Groba e se incluirán accións especiais que poñan en valor os 26 anos na escena musical da Orquestra de Cámara Galega.

Dez intérpretes

A edición do festival deste ano inclúe a participación de preto dunha decena de intérpretes, entre os que se atopan Simone Portes (violín), Kiryl Zlotnikov (cello), Federico Colli (piano), o cuarteto Quartour Mona, Laura Lorenzo (flauta), Alba Reirís (cello) e Spyros Fakiolas (clarinete), entre outros.