O Psdeg-Psoe alerta de que o concello está a desatender gravemente o seu labor coas persoas sen fogar durante a ola de frío e descargando a responsabilidade sobre as ong

Os socialistas denuncian que o “microgoberno” de Jácome se limita a facer reparto de luvas e máscaras, ignorando as necesidades derivadas do frío que poden pór en risco a vida das persoas sen fogar

Pídenlle a Jácome que poña en marcha un dispositivo urxente para acoller as persoas sen fogar durante a campaña de frío e que deixe de descargar a responsabilidade sobre organizacións como Cruz Vermella

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE alerta de que o Concello está a desatender gravemente o seu labor coas persoas sen fogar durante a ola de frío que estamos a padecer, limitándose a facer unha campaña de reparto de luvas e máscaras e ignorando as necesidades derivadas do frío que poden pór en risco a vida das persoas que dormen á intemperie na nosa cidade.

Neste sentido, o grupo socialista pídelle ao alcalde que poña en marcha, de forma urxente, un dispositivo para acoller as persoas que non acoden a albergues e que deixe de descargar a súa responsabilidade sobre organizacións non gobernamentais como poden ser Cáritas ou a Cruz Vermella. Os socialistas denuncian que son estas entidades as que están “facendo o papel do Concello” de velar pola integridade destas persoas mediante o reparto de bebidas quentes, mantas ou medicinas, e aféanlle a Jácome que “abdique” da súa responsabilidade cos máis vulnerables.

A preguntas do grupo socialista durante a Xunta de Área de Política Social, Igualdade, Sanidade, Xuventude e Voluntariado, o concelleiro de Democracia Ourensana, Telmo Ucha, recoñeceu que o Concello unicamente está a realizar o labor de protexer a estas persoas da COVID, mediante o reparto de material sanitario, carecendo así dun dispositivo adecuado para amparalas dos perigos do frío extremo que estamos a padecer.

Os socialistas lémbranlle ao “microgoberno” que as persoas máis vulnerables durante os períodos de frío intenso son aquelas que non teñen fogar e esíxenlle ao alcalde que “abandone xa” a súa actitude “pasota” ante as emerxencias sociais da cidade e que destine máis os recursos á área de benestar social, no canto de “despilfarrar” en megaproxectos urbanísticos que nunca van ver a luz.