O BNG urxe a retomar o proxecto do camping de Untes incluíndo o saneamento integral

Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, Falamos dunha instalación pechada desde o ano 2015 e que precisa dunha fonda intervención para poder poñela de novo en funcionamento. Non foi ata o ano 2019 e logo de que o propio concello encargase aos autores iniciais do proxecto, os arquitectos Aurelio Outeiriño e Alberto de Paula, un proxecto de reacondicionamento do mesmo cando se retomou esta cuestión. Dito proxecto ascende a algo máis de 800.000€ e conta co visto e prace da Concellería de urbanismo según informaba o entón alcalde, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local celebrada o xoves 27 de febreiro de 2019.

Publicidade

Segundo os nacionalistas, estamos diante dunha reforma e reacondicionamente case que integral das instalacións e cun elevado custe, cuestión esta que non é menor e que o concello terá que resolver chegado o momento de abordar o financiamento da mesma, decidindo se a executa con fondos propios, a través dun convenio con outras administracións ou mesmo optando a algunha liña de axudas existente para este ámbito.

O caso é que a día de hoxe, aínda é preciso abordar varios trámites administrativos nos que deben pronunciarse outras administracións afectadas como son a Xunta de Galiza e a Confederación Hidrográfica do Miño – Sil quenes deberán emitir sendos informes ao respeito.

Esta é a cuestión que precisamente queren abordar desde o BNG, un dos aspectos a resolver e que desde logo resulta fundamental é o saneamento e tratamento das augas residuais que se xeren no recinto. Actualmente existe no lugar unha fosa séptica autorizada e que polo tanto podería dar servizo ao camping, máis desde o BNG entenden que sería bo abordar esta cuestión desde un punto de vista máis amplo e aproveitar as circunstancias actuais para acomenter un proxecto de saneamento moito máis amplo e ambicioso e que abranguese tamén ao propio núcleo poboacional de Untes, o cal, actualmente verte as súas augas residuais ata un total de cinco fosas sépticas, algunhas das cales son de moi difícil aceso para o seu baleirado.

Denuncian os nacionalistas que falamos de fosas que verten directamente no río Miño, nunha zona ademáis na que hai proxectada a continuidade dunha senda peoníl polo que sería máis que interesante abordar esta cuestión desde un punto de vista integral e dar resposta dunha vez por todas aos problemas tanto de saneamento como medioambientais da zona.

Estamos diante, a ollos do BNG, dun proxecto ambicioso e cuio investimento podería superar, segundo técnicos municipais os 500.000 € pero que permitiría fechar as cinco fosas sépticas existentes e dotar tanto ao camping como ao pobo de Untes dun saneamento seguro e acorde aos tempos actuais.

A proposta ou proxecto de saneamento manexado polos técnicos de infraestructuras pasaría pola construcción da rede de abastecemento desde Untes e o camping ao carón da estrada Ourense – Vigo, cunha lonxitude de aproximadamente 1.681,54 metros ata a súa conexión coa rede municipal da EDAR de Sistís.