Medio Ambiente estudará a súa posible colaboración co Concello de Piñor nun proxecto de rehabilitación con fins residenciais

A conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde José Luis González reuníronse hoxe para tratar asuntos de interese municipal en materia de vivenda e urbanismo

Publicidade

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar economicamente co Concello de Piñor (Ourense) nun proxecto municipal de restauración de antigas vivendas co fin de destinalas a alugueiro social entre a veciñanza.

No transcurso dunha reunión por videoconferencia, a conselleira Ángeles Vázquez trasladoulle esta tarde ao alcalde José Luis González a existencia de varios programas e liñas de subvención cos que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) apoia ás entidades locais para que poidan incrementar ou crear o seu propio parque de vivenda pública, polo que o animou a presentar o seu proxecto co fin de optar a financiación.

Neste sentido, avanzoulle que en breve publicarase unha nova convocatoria de axudas para actuacións de rehabilitación dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes interesados en recuperar edificios e vivendas de titularidade municipal para destinalos a alugamento social. A dotación desta orde será de 1,7 millóns de euros, un crédito inicial que, en todo caso, poderá ser ampliado.

Ademais, tamén se referiu ao Fondo de cooperación de apoio a entidades locais de menos de 50.000 habitantes, un instrumento creado polo IGVS en 2017 para ofrecer préstamos sen xuros e en condicións vantaxosas para obras de rehabilitación do patrimonio construído; e ás axudas do programa de Infravivenda para municipios con menos de 10.000 habitantes, que prevé como actuacións subvencionables as obras de rehabilitación en edificacións e vivendas co obxecto de garantir que acaden unhas mínimas condicións de habitabilidade.

Por outra banda, a conselleira e o alcalde de Piñor tamén acordaron estudar posibles vías de cooperación entre ambas administracións con relación a outros proxectos do Concello en materia de urbanismo e equipamentos públicos dotacionais.

Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta leva xa 10 anos colaborando coas entidades locais a través do chamado Plan Hurbe na execución de diferentes tipos de intervencións urbanísticas que contribúan á creación, mellora ou humanización de infraestruturas de uso común e colectivo. Este ano, de feito, a Consellería de Medio Ambiente ten reservados case 7,5 millóns de euros para apoiar aos concellos na execución de actuacións destinadas a mellorar os equipamentos municipais e acadar a humanización das contornas urbanas.