O delegado territorial da Xunta en Ourense Gabriel Alén cifra en máis de 5 m de euros as axudas concedidas polo goberno galego á hostalería por mor da covid 19

  • O delegado territorial da Xunta en Ourense informou da concesión de máis de 2.300 axudas concedidas
  • Gabriel Alén referiuse ao anuncio do presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, que avanzou un segundo Plan de rescate que contará como mínimo con 50 millóns de euros
  • O representante do Goberno galego sinalou que “dado a gravidade da situación, é necesario que todas as administracións sumemos esforzos, nos poñamos de acordo e sexamo capaces de crear un fondo no que todos aportemos, sexa fácil de tramitar e que cheguen os cartos coa maior axilidade”

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, cifrou en máis de 5M de euros as axudas concedidas polo Goberno galego ao sector da hostalería na provincia de Ourense afectado pola pandemia e as restricións sanitarias.

Publicidade

O delegado territorial da Xunta informou da concesión de máis de 2.300 axudas no ámbito provincial, e na cidade de Ourense foron 1.085 axudas que sumaron máis de 2,5 millóns de euros.

Gabriel Alén subliñou “o firme compromiso do Goberno galego de seguir ao carón dos sectores que máis se resenten nesta pandemia”, e referiuse ao anuncio do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, que avanzou un segundo Plan de rescate que contará como mínimo con 50 millóns de euros e, deste xeito, en 90 días a Xunta sumará 140 millóns de euros en axudas para este sector.

Na concreción deste segundo Plan de rescate están a traballar o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantendo continuas reunións co Clúster de Turismo e coa Mesa negociadora da hostalaría de Galicia; así como no encontro que se desenvolverá esta vindeira semana con representantes dos concellos, a través da FEGAMP, e das deputacións para tentar chegar a un acordo co obxectivo de crear un fondo de rescate común.

Gabriel Alén sinalou que “dado a gravidade da situación, é necesario que todas as administracións sumemos esforzos, nos poñamos de acordo e sexamos capaces de crear un fondo no que todos aportemos, sexa fácil de tramitar e que cheguen os cartos coa maior axilidade”, e aludiu ao anuncio do Presidente Feijóo “da disposición da Xunta a participar nun novo plan de rescate no que a Administración autonómica achegaría o 50%, as deputacións o 30% e os concellos o 20% restante, segundo o modelo proposto polo sector da hostalería e tal e como se fixo noutras comunidades”.