Manuel Baltar e o presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez Freire, pecharon un acordo polo que esta organización ofrecerá apoio técnico na redacción dos pregos de licitación destes centros, de tal xeito que as empresas de Economía Social podan optar á súa xestión
Ourense, 23 de xaneiro de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais sen ánimo de lucro (Cegasal), José Antonio Vázquez Freire, pecharon un acordo de colaboración polo que esta organización ofrecerá asesoramento e apoio técnico na redacción dos pregos de licitación para a xestión dos puntos verdes de San Cibrao das Viñas e Xinzo de Limia, de tal xeito que as empresas de Economía Social poidan optar á xestión destes centros.
O acordo entre a Deputación de Ourense e Cegasal enmárcase no compromiso adquirido por Manuel Baltar durante o último debate sobre o estado da provincia, no que apostou por aproveitar a Economía Verde, tanto no ámbito da construción como da xestión e reciclaxe de residuos, para impulsar a creación de emprego e, dentro deste, para ofrecer oportunidades de traballo ás persoas con discapacidade ou en situación de risco de exclusión social, é dicir, a Economía social.
Precisamente este é o obxectivo de Cegasal, unha organización empresarial sen ánimo de lucro e de carácter multisectorial que desde 1997 traballa na defensa, promoción e representación de iniciativas empresariais de Economía Social, como son os Centros Especiais de Emprego, para a inclusión dos citados colectivos na actividade económica, social e empresarial de Galicia.
Baltar salientou que, unha vez máis, “a Deputación máis social da historia na provincia de Ourense acredita esa filosofía, a aposta polo social, interpretando así un momento singular e determinante como o actual, no que a xestión social é prioritaria e o compromiso solidario e cooperador, imprescindible”.
Pola súa banda, Vázquez Freire agradeceu a sensibilidade e o apoio do presidente Baltar coa Economía Social, “que se traduce neste acordo de colaboración e en importantes iniciativas nas que vimos colaborando desde 2017 a prol da promoción dunha economía máis solidaria, tan necesaria sempre e moito máis nestes tempos”.
Os puntos verdes que a Deputación de Ourense sacará a concurso son os situados no polígono industrial de San Cibrao das Viñas e o de Xinzo de Limia. O primeiro deles centra a súa actividade nos residuos de orixe empresarial e atende as necesidades das empresas que non producen unha gran cantidade de restos e carecen dos recursos necesarios para contar cun xestor propio.
A planta situada en Xinzo de Limia está deseñada para a recepción, triaxe e xestión de residuos da construción e demolición, procedentes tanto da actividade empresarial como de particulares, e xa dispón das instalacións e maquinaria necesaria para a súa posta en marcha.