A Deputación de Ourense informará a preto de 5.000 autónomos da “xudicialización” das axudas por parte do PSOE

Manuel Baltar reuniuse onte co presidente dos Autónomos de Ourense, David Martínez, para comunicarlle que o partido socialista tenta impugnar as axudas concedidas pola Deputación, “co risco que iso supón para os autónomos, que poderían verse na obriga de devolvelas” 

Publicidade

Baltar afirma que a Deputación “defenderá diante das instancias que sexa necesario a legalidade das axudas, en favor dos autónomos, Pemes e profesionais da provincia de Ourense e en contra da estratexia do PSOE, que provoca incerteza en miles de familias ourensás” 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe co presidente da Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense, David Martínez, para informarlle de que o PSOE “tenta impugnar as axudas que recibiron preto de 5.000 autónomos da provincia, para xudicializar así o procedemento de concesión destas axudas outorgadas por mor da crise do COVID-19 e sobre as cales o Estado xa se pronunciou, afirmando que non consideraba que houbese ningunha irregularidade”, explica Baltar. 

O presidente do goberno provincial advirte “do risco que pode supoñer esta manobra dos socialistas en contra dos autónomos e Pemes da provincia, que podería dar lugar a que os beneficiarios tivesen que devolver as ditas axudas. O PSOE anunciou a presentación dun recurso contencioso administrativo amosándose contrario ás axudas aos autónomos, e isto vén de provocar que a Deputación de Ourense tivese que enviar ao xulgado o expediente administrativo, ademais de comunicar os feitos a todos os beneficiarios –en total 4.592 persoas-, unha notificación que a Deputación de Ourense realizará a través do Boletín Oficial da Provincia, ao tratarse dun número moi elevado de notificacións individuais”. 

O feito de que o PSOE recorra as axudas “dálle máis forza e máis razóns á Deputación de Ourense para seguir defendendo a legalidade das mesmas e, por suposto, para seguir ao carón dos autónomos e Pemes que beneficiarios”, destaca Manuel Baltar, quen hoxe comentoulle ao presidente dos Autónomos a posibilidade de que esta asociación empresarial se poida presentar como parte no procedemento xudicial, en defensa da legalidade da resolución impugnada. 

“Miles de familias ourensás teñen na Deputación de Ourense unha aliada; non os imos deixar, e moito menos imos consentir que o PSOE afonde na grave crise económica que xa padecen autónomos, Pemes, profesionais e comerciantes da provincia de Ourense”, expresa Baltar, quen segue defendendo que esas axudas, xa ingresadas por autónomos e Pemes, teñen como finalidade á reconstrución económica da provincia”.