Gabiás chama a mocidade ourensá a votar BNG para que “quedar, vivir e traballar en Galiza” sexa unha opción real

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O candidato nº2 do BNG por Ourense mantén un encontro con mozas da cidade para escoitar as dificultades para emanciparse

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O BNG propón destinar 1% dos Orzamentos do Estado ás políticas para a mocidade: impulsar emprego digno, garantir acceso á vivenda…

Ourense, 16 novembro 2026. O candidato nº2 do BNG por Ourense, Artai Gabiás, chamou a mocidade a converter o seu descontento e as súas demandas en forza política nas eleccións do 29N apostando polo BNG como “a candidatura que levará propostas concretas para que a xente nova poida vivir, traballar e construír o seu futuro en Ourense”.

Gabiás participou nun encontro con mozas que viven na cidade de Ourense xunto coas tamén candidatas Erea Branco -tamén concelleira do BNG- e Hadrián Alonso. Unha xuntanza en que as participantes trasladaron as dificultades que atopan para poder emanciparse, acceder a unha vivenda, conseguir un emprego con condicións dignas e desenvolver un proxecto de vida na súa propia cidade.

O candidato nacionalista advertiu que a mocidade ourensá sofre especialmente as consecuencias dun modelo que non ofrece oportunidades suficientes: precariedade laboral, dificultades para acceder á vivenda, emigración forzosa: “en Ourense sabemos ben o que significa ver marchar xeracións enteiras porque aquí non atopan futuro. Non podemos aceptar que a mocidade teña que escoller entre vivir lonxe da súa familia e das súas amizades ou renunciar a unha vida independente” sinalou.

Fronte a esta realidade, o BNG presenta un conxunto de medidas para que a mocidade deixe de estar na marxe e estea no centro das decisións políticas. Entre elas, destacou Artai Gabiás, o impulso do emprego xuvenil con condicións laborais dignas, o apoio ao relevo xeracional -sobre todo no sector primario- mediante axudas específicas e medidas que garantan a continuidade da actividade, unha política de vivenda ambiciosa para facilitar o acceso a unha vivenda ou impulsar a reindustrialización e un plan de choque para o retorno das persoas mozas emigradas.

Sobre o acceso a unha vivenda digna, no concreto, Gabiás destacou que a Administración estatal posúe numerosos activos inmobiliarios, como os que posúe a SAREB ou Casa47, que “deben ser transferidos á Galiza para destinalos á promoción de vivenda pública en réxime de aluguer, sendo a mocidade un dos actores de acceso prioritario”.

No ámbito educativo, o BNG defende a supresión dos aspectos lesivos recollidos na lexislación actual da LOMLOE, a LOSU e a Lei de Formación Profesional, así como garantir a remuneración dos contratos de formación porque “formarse e traballar non pode ser unha escusa para ofrecer man de obra gratuíta nin precarizar aínda máis a xente nova”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Outra das propostas centrais da organización nacionalista, explicou Gabiás, é destinar 1% do Orzamento do Estado “ás políticas de mocidade, transferindo ás Comunidades os recursos para que poidan desenvolverse medidas adaptadas a súa realidade e ás necesidades da mocidade”.

Por último, o candidato do BNG chamou a mocidade a confiar no BNG nestas eleccións xerais após case 50 anos de bipartidismo estéril que condenaron a Ourense e a mocidade desta parte do país ao abandono. “Cada voto ao BNG é garantir presente e futuro para a mocidade galega e que Ourense deixe de estar esquecida” finda.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------