A Xunta entrega a 8 concellos da provincia material para mellorar a capacidade de resposta fronte ás nevaradas

  • O delegado territorial da Xunta en Ourense participou esta mañá no Polígono de Barreiros na entrega de esparelladores de sal ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de Baños de Molgas, Barbadás, Cortegada, Maceda, Muíños, Petín,  A Pobra de Trives e Xunqueira de Ambía
  • O representante do Goberno galego destacou que a Xunta considera unha prioridade que os efectivos de emerxencias conten co material axeitado para realizar as súas intervencións con maior eficiencia e seguridade
  • Gabriel Alén subliñou que esta orde de axudas enmárcase no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar e reforzar os medios de emerxencias dos municipios da comunidade, cun investimento que supera os 14 millóns de euros

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá no Polígono de Barreiros na entrega de esparelladores de sal ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de Baños de Molgas, Barbadás, Cortegada, Maceda, Muíños, Petín,  A Pobra de Trives e Xunqueira de Ambía, que resultaron beneficiarios da orde de axudas do Goberno galego para equipamentos de emerxencias, dotada con 932.400 euros.

Publicidade

Os concellos adxudicatarios están incluídos no Plan Nega (Plan de Nevaradas de Galicia)  que teñen unha altitude media por enriba dos 500 m. e resultan ser os mais castigados por xeadas e nevadas, o que fai moi necesario este material para manter a viabilidade nas vías de comunicación de titularidade municipal.

O delegado territorial destacou que a Xunta considera unha prioridade que os efectivos de emerxencias conten co material axeitado para realizar as súas intervencións con maior eficiencia e, sobre todo, con seguridade, traballando nas mellores condicións posibles e co mellor equipamento. Tamén sinalou “o imprescindible labor” dos voluntarios destas agrupacións complementando aos servizos municipais nos dispositivos para “atender aos veciños no día a día” nestes meses marcados pola pandemia da covid-19.

O material de emerxencias cedido aos concellos inclúe, ademais das 37 tendas de campaña para emerxencias, 12 remolques, 8 vehículos todo terreo tipo pick-up, 4 UTV (Utility Task Vehicle), 12 coitelas para retirada de neve, 12 esparexedores de sal e 4 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate.

Esta orde de axudas enmárcase no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar e reforzar os medios de emerxencias dos municipios da comunidade, cun investimento que supera os 14 millóns de euros.

Características técnicas

O esparelladores de sal entregado dispoñen dunha capacidade de 300 litros e permiten un esparellamento regulable que pode chegar aos 5 m. de anchura. Veñen preparados para ser axustados a vehículos todo terreo ou remolques, ou ben unidades de remolque. Posúen un depósito de polietileno cun bastidor metálico con protección anticorrosiva; son accionados por motor eléctrico de 12 v e de 1/2 hp con conexións eléctricas resistentes á auga, e están montados sobre un eixo de transmisión e disco en aceiro inoxidable con selado especial contra a auga.

Gastos de funcionamento das AVPC

Nesta liña, o Diario Oficial de Galicia, publicou o pasado 19 de xaneiro a convocatoria de subvencións que permitirá sufragar os gastos de funcionamento de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil en municipios de menos de 50.000 habitantes, e á que a Xunta destina 340.000 euros, mantendo así o investimento da orde anterior.

A axudas poderán destinarse a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións.

A Xunta aposta ademais pola formación no ámbito das emerxencias mediante os distintos cursos e actividades dirixidas aos voluntarios a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).