A Xunta entrega tendas de campaña para emerxencias a Agrupacións de Protección Civil da provincia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, fixo entrega esta mañá no concello de Piñor de 5 tendas de campaña para emerxencias ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de Cualedro, Piñor, Pereiro de Aguiar, Toén e Ribadavia, que resultaron beneficiarios da orde de axudas do Goberno galego para equipamentos de emerxencias, dotada con 932.400 euros.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Trátase de material de gran utilidade para os numerosos operativos de protección civil que se levan a cabo o longo do ano ou na formación do Posto de Mando Avanzado en emerxencias.

O material de emerxencias cedido aos concellos inclúe, ademais das 37 tendas de campaña para emerxencias, 12 remolques, 8 vehículos todo terreo tipo pick-up, 4 UTV (Utility Task Vehicle), 12 coitelas para retirada de neve, 12 esparexedores de sal e 4 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate.

Gastos de funcionamento das AVPC

Nesta liña, o Diario Oficial de Galicia, publicou o pasado 19 de xaneiro a convocatoria de subvencións que permitirá sufragar os gastos de funcionamento de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil en municipios de menos de 50.000 habitantes, e á que a Xunta destina 340.000 euros, mantendo así o investimento da orde anterior.

A axudas poderán destinarse a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------