O BNG protesta en Celanova porque o goberno local non informa do proxecto para instalar un parque eólico

 O alcalde de Celanova cedeu o salón de actos a unha empresa de explotación eólica para reunirse con veciños e di que non sabe nada do proxecto, pero que traerá “beneficios económicos”. O alcalde de Celanova recoñeceu este mércores 27 de xaneiro que cedeu o salón de plenos para unha reunión entre unha empresa de explotación de enerxía eólica da que non deu o nome e comuneiros de montes da contorna de Celanova.

O BNG preguntou no pleno polas noticias a respecto de conversas avanzadas para a instalación de muíños de vento entre Cañón e Amoroce, a uns tres quilómetros do centro de Celanova. O alcalde de Celanova asegurou que nada sabe dos detalles do proxecto nin do avanzadas que están as conversas entre as partes para a instalación dun parque eólico nos montes de Amoroce e Cañón, mais a continuación mostrouse favorábel o proxecto “sempre que os muíños non se vexan desde a vila” (polo que se refire ao resto de poboacións non parece importarlle a afectación sobre a paisaxe) e xustificou a súa predisposición polos “importantes” beneficios que, segundo el, deixará no municipio, malia que non sobou concretar de que beneficios se trata.

AVANTAR ACTIVIDADES

Non é consciente o alcalde, segundo expresou, da alarma social que está a producir a proliferación de parques eólicos no país. Polo que o concelleiro do BNG lle tivo que explicar que a reacción veciñal se está a producir desde a Costa da Morte aos Ancares, de Mondoñedo ao Baixo Miño, en ducias de concellos nos que as empresas e a Xunta foron aproveitando os meses de pandemia para acelerar proxectos a costas da veciñanza.

A este respecto, Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG, demandou do alcalde que informe ás veciñas e veciños dos plans en marcha e se preocupe da viabilidade ambiental e social dun plan antes que duns supostos beneficios económicos para as arcas municipais.

Informe do BNG a nivel nacional

Nun informe recente, o BNG – Bloque Nacionalista Galego avoga por unha “adecuación dos proxectos en canto a súa localización e tamaño ás características do territorio”, e lembra que “na actualidade, os propietarios reciben de media entre o 1,1 e o 2,4% do total da facturación dos parques. Se se teñen en conta os ingresos dos concellos por IAE, IBI e imposto de construción… a parte que fica no territorio da facturación é de aproximadamente o 5%”. O BNG propón ademais que se estableza a “obriga legal para que propietarios de terras próximas a un parque eólico teñan posibilidade de participar no capital das compañías, establecendo unha reserva de cota do 20% (unha regulación similar aprobouse en Dinamarca en 2016).”